
25 de xullo de 1948. Teatro Arxentino de Bos Aires. Castelao pronuncia o discurso coñecido como Alba de gloria no marco da celebración do Día de Galicia do Centro Galego da capital.
Comeza o discurso cunha oración condicional que ten aires de utopía: Se no abrente deste día puidesemos voar sobre a nosa terra e percorrela en todas as direccións… Castelao, ave engaiolada no exilio, ano e medio antes da súa morte, imaxina esa Galicia á que xa non poderá regresar e condénsaa en pinceladas descritivas propias dun pintor. Coma ese paxaro ceibe que só pode ser en soños, sobrevoa Galicia e evoca as chairas de Lugo inzadas de bidueiras, as rías de Pontevedra salferidas de piñeirais e enche o seu soño de metáforas nas que as augas do Sil e do Miño se peitean, as da costa da Coruña tecen encaixes de Camariñas ou o cume de Santa Tegra proxecta a súa sombra sobre os montes de Portugal, dando lugar por toda Galicia a unha «alborada de groria».
A ledicia dunha muiñeira de campás de Compostela anuncia nese día, segue a dicir Castelao, unha «festa étnica» que se vai espallando por toda Galicia. E nese troupeleo de campás escóitase o trote dos cabalos de Apolo traendo luz e calor ao mundo das sombras. «Na longa distancia agrándase o prodixio da patria», segue a dicir Castelao, e evoca «as cantigas montañesas e mariñeiras», «alegrías que só están no recordo, na evocación e na lonxanía». Por iso prefire imaxinar algo enteiramente fantástico e pasa, así, a trazar unha Santa Compaña de inmortais, a condensar, en apenas uns minutos, a historia de Galicia.
Transitan no seu discurso Prisciliano, Xelmírez, o mestre Mateo, os trobadores e xograres, os irmandiños, Sarmiento, Rosalía, Pondal, Curros… e tamén as «ánimas innomeadas» do pobo humilde, ese que «nunca nos traicionou», e ao que se debe aquilo que nos conforma como pobo. E fican, aínda, unhas emocionadas palabras para acenderen un lume, unha labarada moi especial, na tumba de Alexandre Bóveda: unha homenaxe a todos os represaliados da guerra.
Dicía Irene Vallejo que a literatura nos acompaña nos «territorios do espanto»: no campo de concentración, no gulag. Tamén o fixo, con verbas galegas, na ditadura e no exilio. Hoxe é posible escoitar unha recreación do discurso de Castelao na páxina do Consello da Cultura Galega.
Coido que son os doce minutos e medio máis conmovedores que podemos vivir nun 25 de xullo.
A forza do discurso do escritor rianxeiro non só radica na beleza das palabras e das evocacións, senón no seu alento esperanzado e profético, na potente imaxe dun abrente que está por chegar.