Ciencia galego-portuguesa

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

César Arxina | EUROPAPRESS

27 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 24 de xullo, Alfonso Rueda impoñíalle a Medalla de Galicia aos alcaldes de Porto e Braga. Simbolizouse nese acto a naturalidade da eurorrexión Galicia?Norte de Portugal e invocáronse, ademais da irmandade lingüística, as múltiples ligazóns que nos unen e deberían unir. Entre elas fíxose fincapé na ligazón científica, nomeando especificamente en varias ocasións o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL, polas súas siglas en inglés). O INL é un dos maiores centros de investigación científica da Península ibérica en xeral, e fundamental na ciencia portuguesa en particular. Este centro foi froito do XXI cumio ibérico de 2005, onde os máximos mandatarios de España e Portugal quixeron lanzar unha iniciativa pioneira de colaboración internacional en ciencia e tecnoloxía no seo da Unión Europea.

Acordaron situalo en territorio portugués e encargóuselle pilotar a súa creación a un galego: José Rivas Rey, catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela, quen, ademais de liderar a súa construción, tivo que definir os seus estatutos e funcionamento, poñelo en marcha e logo dirixilo, cousa que fixo ata 2014. Fun a primeira persoa que nomeou Rivas para o seu equipo, e lembro a sensación de estar ante unha aventura imposible; apenas podía imaxinar que, tras un proceso febril, o centro sería inaugurado xa en 2009.

Convén ter presente o ADN galego do INL, sobre todo para procurar que este centro sexa o principal fío condutor da unión científica galego-portuguesa.