Enerxía e esperanza

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

ELENA FERNÁNDEZ

27 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Setenta e tres anos despois, volvo ao texto de Castelao, que nalgunha outra ocasión titulei Alba da esperanza: o célebre discurso que o de Rianxo pronunciou no Teatro Arxentino de Buenos Aires o 25 de xullo de 1948. Volvo ao texto logo das celebracións deste 25 de xullo, porque o tempo non matou a súa vixencia. A súa significación segue viva.

O teatro Arxentino ateigado de emigrantes e exiliados. Aínda recentes as feridas da guerra, algunhas delas certamente feroces. Mais o discurso, que Castelao empezara a redactar xa algúns anos antes, inspirado en parte nunha imaxe do seu amigo Otero Pedrayo, «se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións…», mesmo evocando con especial emoción a memoria do seu compañeiro de partido Alexandre Bóveda, mártir pola causa que ámbolos dous defendían, igual que Ánxel Casal, Roberto Blanco Torres, Quintanilla, Darío Álvarez Limeses, Camilo Díaz e tantos outros; o texto da Alba de Gloria, cargado de significación, repito, malia os condicionamentos históricos daqueles anos, é un acto de afirmación e de fe no futuro. E iso é o que o enche de enerxía, a imaxe final sobre todo: ese universo de luciñas que coma vagalumes enchen a noite de estrelas e que Castelao identifica co humus histórico da tradición, o pobo anónimo que, coa súa lealdade, mantén viva a súa identidade, a súa cultura e a súa lingua. Enerxía e esperanza. Así lin eu sempre o discurso daquel 25 de xullo de 1948.

Neste tempo que nos toca vivir, sobrado de conforto, que non deixa ver a desigualdade e a inxustiza porque cada quen anda ao seu («menos eu, que ando ao meu»); neste tempo de molicie no que manda o conformismo e a preguiza, entregados ao consumo de usar e tirar, pois todo o queremos na man e de inmediato, a mínimo custo, case que sen tempo para desexalo; neste tempo de nugalla conformista, digo, pensamento único (teledirixido dende as grandes produtoras do poder), no que xa case que non sabemos o que somos, nin o que queremos ser, extraviada a memoria de noso; neste tempo fráxil e vulnerable, o discurso de Castelao levanta un vento de enerxía no medio da adversidade, convoca as voces todas, por riba de etiquetas e parroquias, chama por todos e pon unha bandeira de esperanza, ilusión de futuro, cando se cadra moitos agardaban axustes de contas e agravios.

Poucos textos tan oportunos e brillantes, tan valentes no seu momento, polo que significa de integración de voces diversas: de Prisciliano e Paulo Orosio á peregrina Exeria, Pedro de Mezonzo, os poetas medievais, Pardo de Cela, os Irmandiños, Vasco da Ponte, os condes de Lemos e de Monterrei, o padre Sarmiento, Rosalía de Castro e os grandes do Rexurdimento, Vicetto e Murguía, Faraldo e Brañas, Emilia Pardo Bazán e Ramón del Valle-Inclán, «aínda non ben descarnado…». Para todos hai voz. Para todos hai sitio.