Escoita, Europa

Henrique Monteagudo
Henrique Monteagudo PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA

OPINIÓN

Imaxe dunha concentración a prol do galego.
Imaxe dunha concentración a prol do galego. Marcos Míguez

27 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Contra os finais do pasado século recibín unha carta da editorial H. W. Wilson de Nova York, redactada cortesmente en inglés, solicitándome un artigo sobre o galego para unha enciclopedia cuxo título se anunciaba como The Major Languages of the World (As principais linguas do mundo). Sorprendido, respondín á carta agradecendo o convite, mostrando a miña mellor disposición para atendelo, e, para evitar posibles malentendidos, preguntando se a editorial tiña a certeza de que o galego debía figurar nunha enciclopedia dos principais idiomas do mundo. A resposta non demorou: a enciclopedia ía tratar das duascentas linguas máis faladas entre o total das aproximadamente seis mil que se contan no planeta e, sen dúbida, o galego é unha delas. Redactei a entrada solicitada para o volume, que saíu publicado co título Facts about the world’s languages: an encyclopedia of the world’s major languages, past and present. Escúsase a tradución.

Que me ensinou a anécdota? Que os galegos temos a tendencia a vernos moito máis pequenos e a considerarnos menos valiosos do que realmente somos. Esta actitude empeora cando se trata do idioma de noso, que durante séculos nos ensinaron a desprezar como unha xerga de brutáns. Por iso doen especialmente as reticencias que manifestaron varios Gobernos europeos ante a proposta que presentou o Goberno español a prol do seu recoñecemento oficial na Unión Europea. O Vello Continente non pode dar ao mundo leccións de respecto pola diversidade cultural e polos dereitos da súa cidadanía mentres pecha a porta á oficialidade do galego, unha das linguas máis faladas no planeta. 

Henrique Monteagudo é presidente da Real Academia Galega