
Estou que non mo creo. Hai xente que mente, que se inventa títulos universitarios no seu currículo, como esa moza que agora sae todos os días na televisión pública e que di que foi un erro. Vaia erro! Din que o fixo para medrar no seu traballo e de paso presumir de algo que debía de considerar valioso, ata o punto de arriscarse a que a pillasen mentindo (cóllese antes a un mentireiro que a un coxo).
O sorprendente é que esta situación convive cun desprezo manifesto cara a quen ten —temos— títulos universitarios verdadeiros. Cónstame que hai moitos universitarios que están a traballar de caixeiros en supermercados ou de repartidores porque non conseguiron nada mellor cos seus títulos. En que quedamos? Un título universitario é algo polo que paga a pena esforzarse, estudar, deixar de gozar de moitas cousas agradables ou fose mellor dedicarse a outra tarefa máis vantaxosa?
Non podo evitalo, véñenseme constantemente á cabeza as palabras que escribiu Carlos Bousoño, con manifesta ironía e humor negro, no seu poema Con el avance de los años: «Vamos de sorpresa en sorpresa, no podemos quejarnos, es todo más horrible que cuanto imaginamos».
Eu non debería queixarme. Deixei as pestanas estudando para chegar a ser catedrática de universidade, pero teño a sorte de seguir escribindo, que é o único que fago medianamente ben... Pero tamén lles digo que o meu título e a miña diplomatura de dous anos en Psicoloxía Clínica non me serven para resolver a chea de dificultades que aos meus oitenta e dous anos teño que resolver cada día. Outro día contareilles os detalles, pero créanme, non serven para nada: na de na.