O artigo dos topónimos

eduardo maragoto EXPRESIDENTA DA AGAL (ASSOCIAÇOM GALEGA DA LÍNGUA)

OPINIÓN

Imagen de archivo de la entrada en el municipio de A Cañiza
Imagen de archivo de la entrada en el municipio de A Cañiza M.MORALEJO

11 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Á marxe da cuestión Cañiza/Caniza, os artigos son os grandes protagonistas da reforma toponímica anunciada pola Xunta e a RAG. Temos a polémica servida e, en certo modo, gratuíta, porque a cuestión podía abordarse doutra maneira. Á parte do seu uso na frase, non está claro que o artigo forme parte indivisíbel dos topónimos e que teña que aparecer sempre ao seu lado. Explícome:

Os artigos son palabras que se usan con nomes, comúns ou propios, pero non sempre. Así, dicimos: «Vou ao dentista», pero á porta do consultorio non encontraremos o letreiro o/a dentista, que nos soaría un pouco infantil, senón simplemente dentista.

Cos topónimos podería pasar o mesmo. Usamos o artigo dentro dunha oración (veño do País Vasco), pero, despois, nun mapa, acostuma aparecer só País Vasco. É dicir, o artigo forma parte da sintaxe, pero non é parte inseparábel do topónimo. As localidades galegas deberían ser tratadas igual. Poderiamos dicir «veño do Porto do Son e vou para o Campo Lameiro», pero levar o artigo a un mapa ou a un indicador de estrada (O Porto do Son, O Campo Lameiro) paréceme innecesario, e algo esaxerado que ese determinante teña que permanecer pegado ao topónimo mesmo cando se está a usar outra lingua («vengo de O Porto do Son y voy para O Campo Lameiro»).

De feito, mesmo dentro das frases, o topónimo pode non levar artigo dependendo das circunstancias. Na oración «ti es deste Campo Lameiro ou doutro Campo?» sería absurdo dicir «ti es deste O Campo Lameiro ou doutro O Campo?», e exemplificouno aquí o propio alcalde do municipio: «Sempre dicimos: “Imos ao Campo”, pero non “imos ao Campo Lameiro”». Efectivamente, sen ser sempre igual, tamén acontece que o nome dunha mesma localidade pode usarse de distintas formas a medida que deixa de identificarse cunha palabra común.

Así que, como en tantas outras cousas da lingua, penso que, nesta cuestión, fonte inesgotábel de conflitos, non estaría mal deixarse orientar polo portugués, onde «vão ao Porto ou às Caldas da Rainha», pero nos indicadores da estrada aparece só Porto e Caldas da Rainha.