Un neno nunha praia

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Un niño observa desde la playa de la localidad de Fnideq (Castillejos), en Marruecos, uno de los espigones de Ceuta
Un niño observa desde la playa de la localidad de Fnideq (Castillejos), en Marruecos, uno de los espigones de Ceuta Efe | Mohamed Siali

11 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, paseando pola praia logo dunha tentativa de baño nunha auga xélida, atopei unha amiga. Puxémonos a falar, e ela non lle sacaba ollo a un cativiño de pel morena que pelexaba coas ondas do mar de Vigo. Choutaba sobre elas. Deitábase sobre elas. Perseguíaas. Fuxía. Xogaba. En definitiva: vivía. Díxome que era un neno do Sáhara e que pasa o verán con ela. Que estaba enlouquecido co mar, que nunca vira tanta auga xunta, que, por suposto, non sabía nadar, pero que non quería saír da auga.

Pasei case que un cuarto de hora falando coa miña amiga, pero tamén ollando de esguello aquel cativo feliz que facía exactamente o mesmo ca outras crianzas das que andaban por alí gozando do verán eterno. Porque, cando somos pequenos, os veráns son eternos. Coma os polos de xeado. Coma a area da praia. Ou a do deserto. O cativo saharauí nin reparou en min. O resto das crianzas tampouco reparaban nos seus pais e nais. Por iso se perden na praia. Porque o universo acuático é tan inmenso, e é tan de seu, que non ten lindes.

Pola noite, descansando na casa lía nas redes os discursos acendidos dos que decidiron converter o asunto migratorio no gran problema de España. Que non o é. Pero eles saben que lles dá votos. Sábeo a ultradereita e sábeno outros partidos que deberían ser máis moderados, pero que tamén apostan ao que sexa con tal de traer auga ao seu muíño. Entre os argumentos que daban está o de unir a presenza de persoas estranxeiras coa delincuencia. Obviamente, non se refiren a Messi, a Cristiano Ronaldo ou a Ancelotti, estranxeiros condenados en España por delinquir, senón aos que son pobres. Levo décadas dicíndoo: non existe o racismo, existe a aporofobia, o odio ao pobre, a quen non ten nada máis ca miseria. A xente anda tan tensionada que ten que descargar o seu odio en alguén. E, en troques de facelo cos que, poño por caso, falsifican currículos ou excitan o odio, fano cos máis débiles. Que doado é meterse con ese cativo do deserto que xoga coa area nas nosas praias, verdade?

Penso que será o que hai no cerebro de todos estes profesionais do odio que coidan que o cativo do Sáhara que xoga na praia de Vigo, cando medre, vai ter como vocación roubar, matar ou violar. Penso que pode haber no cerebro de todos eses que nun bebé dunha determinada cor de pel xa ven unha tendencia. Penso en como é posible que chegásemos ata aquí se todos, absolutamente todos, somos mestizos, fillos de mil culturas. Ou España non é froito de 800 anos de cultura árabe?

Nun determinado momento, unha onda máis grande cás outras, lanzou ao cativo polo chan, deulle tres voltas e un bo susto. Saíu rindo. Feliz. No fin de contas, só é un neno. Como fuches ti ou fun eu.