Ardemos. Outra vez

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Brais Lorenzo | EFE

14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ardemos. Outra vez. Hai lume no monte, nas gorxas de quen respira e nos ollos de quen observamos resignados. En Ourense, as hectáreas caen como follas secas; en Lugo, a noite acende laparadas nunca desexadas. O vento porta o cheiro a queimado e o latexo quebrado dunha terra que morre mentres berra.

Nin é a primeira vez nin, por desgraza, será a última. No verán, a rutina está instalada. «Chegou o lume», din, coma se viñese só, coma se agardásemos por el coma pola familia de lonxe.

Non! O lume tráeno as mans que o prenden, as promesas incumpridas, as políticas que esquecen e silencios que consenten. O cambio climático é aliado, o abandono do monte pon a alfombra vermella e a memoria curta dálle sempre outra oportunidade, mais o lume somos todos nós.

Galicia quéimase. Arden carballos, castiñeiros, matogueiras que agochaban paxaros e coellos, miles de microorganismos que viven no substrato. O solo non volverá ser o mesmo en décadas. A auga convertida en lama arrasa coas lembranzas do verde que nos facía únicos.

No máis fondo, quéimasenos o orgullo. A nosa terra non se deixa dobregar, pero agora dóbrase polo lume.

Non podemos seguir vivindo coma se o fume fose parte da nosa idiosincrasia. O futuro esixe un pacto serio: limpar, coidar, sancionar e educar. Cada hectárea perdida é máis ca unha ferida na paisaxe, é unha mutilación do porvir.

Temos a obriga de, cando se extingan os lumes, agromar coma herbas nas pedras, para non esquecer e impedir que o lume volva gañar outra partida.