
Nos últimos días asistimos a dúas noticias que, separadas por centos de quilómetros, comparten a mesma ferida: o borrado da memoria das mulleres. En Ponferrada, o mural de Nevenka, símbolo da loita valente contra o acoso e o abuso de poder, foi pintado de branco. En Molina de Segura, o mural Estrellas en conserva, homenaxe ás mulleres conserveiras que co seu traballo duro e mal pagado sostiveron a vida de todo un pobo, foi eliminado por «mantemento urbano».
E o mantemento da memoria? As imaxes que se esvaen son dúas denuncias que se silencian, que deixan oco ao esquecemento. Cando desde as autoridades se permite —ou se executa— o borrado de símbolos que denuncian inxustizas, reivindican o orgullo das mulleres traballadoras ou proclaman a igualdade, estase a abrir a porta ao vandalismo, institucional e individual.
A historia non se borra. É teimuda, incómoda e sempre atopa a maneira de volver. Mais a súa lembranza si pode ser arrincada do espazo público, e con ela o legado. Os murais son libros abertos nas rúas, páxinas de historia pintadas a cores. Se se estraga, restaurámolo, xa que isto non é só recuperar a pintura, é manter viva a lección aprendida, lembrar que isto pasou e non debe repetirse.
Debemos garantir que, por moitas mans que intenten borrarnos, sempre haberá outras dispostas a repintar. Elixamos entre memoria ou silencio, entre recoñecer a dignidade das mulleres ou deixar que o vento leve o seu nome. Esa elección, como sociedade, diranos quen somos e a onde queremos ir.