Oda ao ruído

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

Imagen de archivo de una orquesta
Imagen de archivo de una orquesta ANA GARCÍA

24 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Torsten Wiesel gañou o Premio Nobel de Medicina en 1981 por demostrar que, para que poidamos ver, o noso cerebro necesita ter estímulo dos nervios procedentes dos ollos nos primeiros anos de vida. Iso non ocorre só coa función visual: o noso cerebro vaise configurando en gran medida en base aos primeiros estímulos que recibimos na nosa vida. Co oído ocorre o mesmo, por iso é moi pouco saudable levar a bebés e nenos de curta idade a verbenas, onde os niveis de ruído son tan enxordecedores que as persoas só poden falar berrándose directamente na orella. Para facerse unha idea do dano, imaxine que alguén lle bota agora mesmo un bo berro xusto na orella, e pense que nas verbenas sumarase ademais o son da orquestra e o das bombas de palenque de gran potencia. Non sei a razón pola que neste país se chegou a este nivel de adoración do ruído extremo, que non só prexudica na época infantil, senón que tamén a adultos, a mascotas e outros animais. Afortunadamente, empezan a verse algunhas reaccións. A Asociación Española de Pediatría vén de alertar deste perigo para os cativos: non deben sufrir máis de 85 decibelios (dB) durante unha hora. Un son de 85 dB impacta 10.000 veces menos no noso tímpano que un de 125 dB, que se produce cerca dos altofalantes de moitas verbenas. No WiZink Center de Madrid marcaron un límite duns 100 dB, e xa multaron a un artista por chegar a 120 dB (100 veces máis ruído). Varias comisións de festas empezan a establecer as chamadas horas silenciosas. Oxalá esta nova sensibilidade ante os abusos de ruído siga avanzando.