
A Galicia da alongada e habitada liña da costa, as cidades, as vilas e os seus contornos, poden converxer cos estándares europeos medios. Unha converxencia que non atangue a Gran Galicia de mil ríos e montañas maxestosas con moito relevo, que deteñen a humidade e reteñen as altas temperaturas; de trinta mil lugares, moitos deshabitados, con milleiros de casas pechadas.
Despois dun desastre sempre aparecen solucións máxicas da man de aqueles que só ven o negocio, sexa nunha veiga ou na beiramar. Cabe preguntarse se as multinacionais que absorberon as empresas que tanto presumían de galeguidade saben de que vai Galicia.
Pola contra, invocar agora o retorno ao doce pasado, á paisaxe idílica onde todo se reciclaba nunha economía circular de autoconsumo precario, con ausencia de servizos, sanidade e educación, e que obrigou a fuxir máis dun millón de galegos buscando a vida, pode tranquilizar conciencias, pero desactívanos.
Estamos ante o sempiterno dilema de acompasar o pasado venerado en demasía e o presente distinto e axitado. Trátase de decidir que partes restauramos, rehabilitamos ou transformamos, con cultura de calidade, sexa forestación ou arquitectura popular e dos nosos tempos, na busca dunha nova conciencia de Galicia que poidamos transmitir á xente de aquí e de acolá que van ser os seus habitantes. Por que temos que renunciar a crear hoxe a tradición de mañá?
Hai datos de abondo sobre a situación da Gran Galicia. Agora cómpre un baño de realidade, recoñecer o hábitat abandonado e destruído, casa por casa, e axudar os afectados polo lume non só economicamente, senón tamén técnica e humanamente. Unha oportunidade para colectivos como o Colexio de Arquitectos, os xeógrafos, os enxeñeiros agrónomos e outros, para traballar con moito criterio, cruzando información, pisando o terreo, falando cos moradores, con visións próximas e perspectivas distantes e non caendo na solución fácil de facer novos exercicios teóricos, plans sectoriais e leis nos que poucos cren e logo non se poden cumprir.
En última instancia, as decisións virán da man da política, termo e práctica tan deturpadas. Esa que obriga a ir por diante, enfrontándose a situacións previsibles antes de que se produzan as catástrofes, e obriga tamén as Administracións a compartir a veracidade da información e non deixar sós no coidado do monte os concellos rurais e os propietarios, moitos anciáns ou descoñecidos. E coa Administración estatal, revisar dunha vez os límites competenciais en tempos de catástrofe.