
Teño diante de min dous mapas de propiedades de veciños da aldea, dende Urdilde a Bertamiráns, dende Padrón ao Faramello: tenzas, toxeiras, agras, anacos de monte dos que nalgúns casos nin os herdeiros saben. En realidade os mapas son libretas, escritas a man. Morreron os vellos, que coñecían palmo a palmo as propiedades, e os novos ou non están ou perderon a memoria do que había. Lembro que hai anos mercamos un terreo no alto de Chapela, concello de Redondela, non moito máis de mil metros cadrados para facer unha casa, e coa propiedade veu unha morea de pequenos anacos, touceiras que xa perderan os marcos, tiras que ninguén lembraba, pero que estaban alí, inzadas de maleza, silvas e ramallada cativa. Un notario amigo que tivo que concretar a propiedade comparou a realidade do rural galego cunha explosión atómica, millenta de anaquiños ciscados por todo o país.
Nestas mesmas páxinas, Pedro Puy falaba o pasado domingo da propiedade do monte en Galicia. Máis do 97 por cento seica é propiedade privada. En moitos casos de pequenos propietarios que, como os veciños dos que falo, se cadra perderon a memoria, ou nin sequera teñen papeis. Noutros casos a propiedade está concentrada en veciños do lugar ou parroquias, para explotación comunal. Daquela a xestión é algo máis doada. Sempre que exista unha política de acordos e unhas liñas de traballo concertadas e con obxectivos ben definidos. O capítulo forestal é importante, pero tampouco é o único.
Cando o Goberno de coalición PSdeG-BNG, entre o ano 2005 e o 2009, artellouse un proxecto que non tivo tempo de callar, pero que era ambicioso, en calquera caso intelixente: o banco de terras. Con algunhas modificacións segue operativo, aínda que apenas se fale del. Semella que alguén o ten aparcado, ou que pouco uso lle dá, mais se cadra merece unha atención, dadas as circunstancias. O problema do monte non ten unha solución única, pero ten problemas de fondo que son históricos, estruturais, e como tales deben ser abordados, respectando os propietarios, mais pensando no común.
A concentración parcelaria, que no seu día tanto ben fixo á organización da propiedade na Galicia rural, non chegou ao monte. Ou se chegou foi moi parcialmente. A idea do banco de terras propón que os propietarios que teñen escrituras e referencias no catastro, aínda que ás veces non sexan quen de localizar fisicamente as propiedades porque os marcos se perderon, poidan incorporarse a un fondo común, que explotaría o patrimonio de todos. Cada escritura vén ser unha acción na empresa colectiva segundo os metros cadrados, cuartillos ou ferrados que aparecen inscritos, e cada certo tempo darase conta da xestión aos propietarios, que entregan durante un período de cinco, sete, dez anos a administración desa propiedade á empresa pública. Iso non quita outras necesidades: recursos para combater o lume, atención ao territorio, política de contratación do persoal, estratexias de plantación de especies, etcétera, mais implicando os principais protagonistas: os propietarios.