As árbores son seres vivos

Jorge Mira Pérez
Jorge mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

Adrián Irago | EUROPAPRESS

07 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun espazo público dun concello da Costa da Morte apareceron tres carballos de curta idade partidos pola metade. Pregunteille ao alcalde dese concello a súa opinión sobre ese vandalismo, e el respondeume que «posiblemente esas persoas non consideran que unha árbore sexa un ser vivo».

O mesmo que os pirómanos, supoño. A través do sistema de observación terrestre Copernicus vimos de saber que en Galicia este ano arderon máis de 140.000 hectáreas (a extensión da provincia de Ourense é de 727.000 hectáreas, é dicir: ardeu unha superficie equivalente a un quinto desa provincia). Unha porcentaxe relevante desa superficie foi de alta densidade arbórea. Por facer unha estimación, se asignamos a cada árbore unha superficie de 50 m2, teríamos unhas 200 árbores por hectárea. Supoñamos que a cuarta parte da superficie queimada fose dese tipo: nese caso terían ardido da orde de 7 millóns de árbores (non sei se algún dos que pensan que unha árbore non é un ser vivo lerá esta columna). Pensemos tamén na cantidade de vida animal morta por eses lumes.

Ademais de todo ese manto de morte, 1 quilo da nosa madeira típica libera da orde de 5.000 kilocalorías. Un pino adulto pesa da orde de 5.000 quilos. Por seguir coa estimación, se supoñemos que nun incendio xenérico arde só unha décima parte da árbore, a enerxía liberada foi da orde de 20 billóns de kilocalorías, unhas 1.000 veces maior que a que liberou a bomba de Hiroshima (iso si, moitísimo máis concentrada en espazo e tempo).

Malditos aqueles que crean estes infernos.