Estar e contar. O xornalismo fronte a desinformación en Gaza

Ana Isabel Rodríguez Vázquez PROFESORA DA FACULTADE DE CIENCIAS DA COMUNICACIÓN DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

Ahmad Awad | EFE

07 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estar: refírese ao dereito cidadán de acceder á información, o que implica que os medios deben estar presentes e activos para dar conta do que acontece, e que a cidadanía teña o dereito de recibir esa información sen impedimentos.

Contar: vencéllase coa acción de informar. O xornalismo debe facelo con honestidade, rigor, ética e buscando sempre a veracidade e o contexto dos feitos.

Estar e contar forman parte dos fundamentos do xornalismo e son esenciais na loita desta profesión contra a desinformación. As cifras confusas sobre o número de vítimas dos medios en Gaza son boa proba: o Committee to Project Journalists (CPJ) fala de 189 profesionais dos medios mortos desde outubro do 2023; o Centro de Medios de Gaza elévaos a 238; a ONU a 247; Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) di 221. Cifras escalofriantes que o converten no conflito máis mortífero da historia para xornalistas que, aínda así, non se resignan a marchar.

Porque estar e poder contar é o que dá sentido ao xornalismo humano. Sen esa presenza directa, a verdade convértese nun relato sintético. A intelixencia artificial, aínda que ferramenta útil, non pode nin debe suplantar a mirada nin a responsabilidade dun xornalista. O oficio constrúese coa empatía, coa conciencia e coa responsabilidade social, tres dimensións que ningunha máquina pode replicar e que ninguén (gobernos, exércitos…) pode nin debe silenciar. A resistencia do xornalismo está na súa capacidade humana para conectar coa sociedade á que serve, ante a que debe mostrarse confiable, honesto e útil, aínda que isto o faga incómodo para quen non quere que se esté, se vexa e se conte. Reivindicar a liberdade de expresión e combater a desinformación desde as redaccións ou desde a guerra implica risco. A maior risco, máis valor. Un valor comprometido que se debe traducir nun xornalismo transparente coa audiencia, desafiante con actitudes replicantes das voces interesadas, que rexeite as comparecencias sen preguntas ou se rebele ante unha precariedade laboral que reduce a calidade. O xornalismo non debe resignarse. O xornalismo debe reivindicarse. Por iso, ás veces, a prensa debe saltarse a norma e ser a protagonista da noticia.

É certo que somos conscientes dos riscos da nosa profesión, pero o que acontece en Gaza acende todas as alarmas e obriga a visibilizar que hai detrás de contar unha noticia neste contexto. Porque a desaparición de xornalistas é un silencio imposto ao mundo, a campaña de RFS e Avaaz, con máis de 200 medios adheridos, axuda a reforzar accións da Unesco e da ONU para que a verdade e a información podan salvar vidas. O Observatorio de Xornalistas Asasinados (#ProtegemosALosPeriodistas), o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra Xornalistas, o Día Mundial da Liberdade de Prensa ou o Día do Acceso Universal á Información deben servir para manter o foco nos fundamentos do xornalismo para combater a desinformación e sobrevivir.