Non todo tempo pasado foi mellor, nin tampouco a modernidade substitúe ao antigo. Un exemplo disto é o vello poboado do Salto de Belesar que, a pesar do seu aspecto de abandono, está a piques de revivir.
Das fiestras das ventás das vivendas saían conversas entre as familias dos traballadores das hidroeléctricas, hoxe o grupo Hotusa proxecta un cambio de contido nos diálogos, pero baixo a mesma forma: a veciñanza dun gremio. Antóllaseme que hai algo profundamente simbólico nisto: volver ao pasado para darlle vida ao presente.
Non é necesario volver a vista atrás moitas épocas para lembrar unha España que soñaba con barrios cooperativos, con «casas baratas» levantadas pola man obreira. A vivenda era basicamente dereito, non luxo; era teito, non investimento.
Agora, cando os prezos nos expulsan dos centros das cidades (e de moitos espazos máis) e nos condenan a hipotecar a vida, mirar atrás pode ser un acto revolucionario.
Non hai nada de malo en recuar, en retomar un camiño uns pasos atrás. Deberamos desterrar do noso proceder esa alerxia a rectificar.
Por outra banda, queda de manifesto que a rehabilitación é tamén un xeito de resistencia: fronte á obsesión de construír sempre novo, restaurar é escoitar a voz da pedra, dar outra oportunidade ao que xa sostivo vidas. É ecolóxico e económico pero, sobre todo, é humano.
Quizais este proxecto na localidade galega de Belesar sexa unha semente: a vivenda debe volver ser fogar, non produto; o futuro pode nacer do pasado; e, ás veces, o mellor avance é coidar do que xa temos.