
Escoitei esta semana na radio falar sobre «o dereito irrenunciable á desconexión dixital». E a pesar de que o contexto da frase era o proxecto de lei sobre a redución da xornada laboral, e ao que se refería era ao dereito a non ter que responder correos ou chamadas fóra do horario laboral, a realidade é que esas palabras quedaron bailando na miña cabeza varios días. Cando todo arredor de nós está deseñado para que esteamos hiperconectados aos nosos aparellos, coido que para a miña xeración a idea da «desconexión dixital» no contexto tanto da vida privada coma da profesional é case imposible, especialmente cando es un traballador autónomo e os teus horarios son tan incertos e complexos como a vida mesma.
«Oxalá puidera eu non estar respondendo mentalmente a ese correo ou a ese wasap até mañá pola mañá!», pensaba. Pois aínda que son das que intenta non molestar fóra do horario laboral, a cabeza ten o seu propio ritmo. Pero tamén pensaba no dereito a esoutra desconexión, a desconexión das responsabilidades diarias daquelas persoas que non se poden permitir deixar de estar preocupadas polas súas circunstancias vitais. A desconexión, dixital ou real, é unha utopía: por moito que unha queira, as cousas que nos preocupan son imposibles de desconectar da nosa mente. Por moito que o consideremos un dereito irrenunciable, por moito que se converta en lei, ao final, aprender a convivir coas obrigas persoais e profesionais, aprender a atopar un ritmo que teña sentido para a existencia propia, reside en cada un nós, e fainos responsables do noso xeito de habitar un mundo que, por desgraza, nos leva constantemente cara o camiño oposto á desconexión...