Tecnomedicina

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

17 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A electromedicina é vella, ten máis de cen anos, desde que se iniciou coa aplicación dos raios X, que permitiron ver o interior dos corpos sen ter que usar o bisturí. Deu un salto fundamental coa cardiografía, que explora os sinais eléctricos do corazón. Progresou coa gammagrafía, que aproveita as emisión de partículas dun radiofármaco, e coa ecografía baseada nos ultrasons. Atinxiu gran perfección de imaxe na tomografía con raios X e actualmente triunfa coa resonancia magnética e a tomografía por emisión de positróns. Para aproveitar ao máximo os fenómenos físicos destes modos de exploración, a electrónica e a informática non pararon de avanzar, grazas ao cal xa se ve o corpo por dentro en tres dimensións.

Necesariamente, coa electrónica e a informática interactuaron as telecomunicacións e hoxe asistimos ao fenómeno da aplicación da IA como asistente dos médicos, e mesmo para eles e os seus telepacientes diagnosticados (velaí a aplicación galega GEMA). Non todo o talento galego emigra, e cómpre aplaudir a iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela para retelo coa ambición de colocar o país á vangarda da aplicación da IA no eido sanitario. Con tal obxectivo creouse a Cátedra de Medicina Personalizada de Precisión, a primeira de España. Parabéns, longa vida e que a ciencia compostelá se espalle polo globo.