
A pregunta é: como podemos imaxinar o futuro dende o mundo que estamos construíndo (ou consentindo)? Falo de Gaza. Mais poderiamos galar doutros moitos lugares. O mapa da crispación e das inxustizas medra aceleradamente. Difícil ser optimista nestes momentos, por máis que o optimismo (o alento da esperanza) sexa máis necesario ca nunca. Volvo á pregunta inicial: como deseñar solucións estables de futuro nun conflito que só entende da aniquilación total das razóns do outro? Quen vai sandar as feridas? Que mundo habitable quedará despois?
En mareas anteriores citei varias veces o Antigo Testamento, libro de referencia que parece que inspira non poucas accións do actual Goberno de Israel. E conste que falo do Goberno de Israel, non do pobo de Israel, nin do Estado de Israel, que efectivamente ten todo o dereito a defenderse. Falo do Goberno radical e fundamentalista dun Estado que seica esqueceu o seu propio sufrimento histórico e aplica sen piedade solucións que a calquera ser humano con consciencia de tal hoxe arrepían. Cantos mortos na masacre de Gaza e na Cisxordania? Cantos máis ten que haber para que as potencias do occidente ben pensante reaccionen? O occidente dos dereitos humanos e as liberdades, o occidente que en gran medida é resultado do Novo Testamento (o cristianismo, o pensamento clásico, a revolución francesa)…
Desta vez a imaxe que vén á memoria é Cartago, na terceira guerra púnica (149-146 a C), cando o exército de Publio Cornelio Escipión arrasou a cidade que rivalizaba con Roma no Mediterráneo e, logo de destruíla ata non deixar unha pedra enriba da outra, sementou sal nos seus campos para que nunca máis se recuperasen. Tal é o modelo que propón o goberno de Israel para a franxa de Gaza, coa complicidade do goberno dos Estados Unidos (Donald Trump)? Hai poucos días este periódico publicaba un esquema do proxecto que o Goberno de Israel e o Goberno norteamericano teñen pensado para o territorio palestino, convertido nun gran espazo de lecer e turismo para ricos. Praias e casinos. Unha obscenidade. Chama a atención que denominen o principal acceso: a porta de Abraham.
Alguén pode pensar nunha paz duradeira nestas condicións, repito? Cada neno ou nena que morre, cada vello, cada muller, cada irmán ou veciño, cada corpo extraído dos cascallos é sementeira de vinganza. Se alguén pensa que coa demolición de Cartago van vencer Hamás está moi equivocado. Na memoria dos palestinos, durante varias xeracións, ficarán estas xornadas coma unha marca indeleble que se converterá nun cancro, nunha peste espallada polo mundo e acabará contaminándoo todo. O discurso de Hamás pasará da barbarie terrorista á santificación dos heroes. A paz non se consegue co exterminio do suposto inimigo, moito menos co sacrificio de inocentes, senón construíndo espazos de acordo e de cesión, para o cal algúns pensabamos que existía a Orde Internacional. Unha inxenuidade, á vista dos feitos.