
O Diario de Sesións é unha publicación oficial que recolle «íntegra, fiel e imparcialmente todos os feitos que pasen e discursos que se pronuncien nas sesións públicas» de calquera cámara parlamentaria, tal e como recolle o Diccionario panhispánico del español jurídico da Real Academia da Lingua Española. O Diario é elaborado polos taquígrafos, e no Congreso dos Deputados cunha precisión e corrección na sintaxe e na puntuación excelente, e con extrema puntualidade (algo menos tras a incorporación da tradución oficial das intervencións en linguas cooficiais). Unha coidada precisión, sintaxe e puntuación que se botaba de menos nos Diarios de Sesións do noso Parlamento autonómico; outro fracasiño máis na conta dun portavoz que lle insistiu máis dunha vez, a quen podía impulsalo, na necesidade de reforzar un servizo de publicacións frecuentemente desbordado, o que afecta á calidade do que, en perspectiva histórica, é o principal legado desa casa, os discursos e as intervencións.
Hergé, o creador da personaxe de Tintín, é coñecido, ademais de por ser referente da «liña clara» no mundo do cómic, pola precisa minuciosidade e fidelidade coa que debullaba os escenarios nos que transcorrían as aventuras do periodista e o seu can Milú. Por exemplo, o ficticio castelo de Moulinsart, residencia do Capitán Haddock e Tintín, reproduce exactamente a parte central do existente Castelo de Cheverny, situado no Loira. Unha pulcritude que se traslada á linguaxe, mesmo á do rudo mariño que inclúe no seu vocabulario tal variedade de insultos que, como ben di o seu recopilador, o humorista francés Algoud (El integral de los insultos del Capitán Haddock), fai que a «furia enciclopédica do Capitán» converta en frechas contra o seu adversario á anatomía, á botánica, á entomoloxía, e a un longo etcétera de saberes. O capitán chama aos «sinvergüenzas», «bergantes»; aos ineptos, cabaciña diplomada, e aos ladróns «doríforos». E se a furia pasaba todos os límites, Hergé substituía o verbo por emoticonos: raios, espirais ou grandes exclamacións.
Nas sesións plenarias do Congreso escóitanse imprecacións. No último pleno, no que a esquerda falou de «merda» en máis ocasións das que parecían oportunas, a presidenta enfrontouse á expresión «sinvergüenza» máis dunha vez, o que provocou advertencias de retirada da linguaxe inapropiada do Diario de Sesións. Porque, efectivamente, a presidencia pode retirar do Diario as palabras que considere impropias da linguaxe parlamentaria. O que xera peculiares contradicións. A primeira e máis obvia, é que no mundo dos medios audiovisuais e as redes non se pode retirar o que todo o mundo escoitou e gravou. E a segunda é que as retiradas gañan protagonismo no Diario, porque se reproducen literalmente, pero en cursiva e entre corchetes («porque a lo mejor [se ha fumado cuatro porros]») cunha nota ao pé da páxina na que se explica que se trata de «palabras retiradas pola Presidencia, de conformidade co artigo 104.3 do Regulamento da Cámara», de xeito que o retirado convértese no máis visible da páxina.
Quizais sería máis elegante adoptar unha solución ao Hergé. Substituir «sinvergüenza» por «bergante»”, ladrón por «doríforo», ou inepto por «cabaciña diplomada». E chegados a certos extremos, inserir, en vez das palabras, unha longa serie de raios, espirais e signos de exclamación.