Queremos un alumnado culto ou «emprendedor»?
OPINIÓN
O ensino público non ten como misión acabar coa desigualdade. Os docentes non son nin asesores, nin psicólogos, nin traballadores sociais, nin policías. Non están para supliren as deficiencias do noso Estado do benestar. A súa tarefa é sentaren as bases cognitivas para que todo o alumnado desenvolva ao máximo a súa potencialidade. O corpo docente está para ensinar, para procurar que todas as persoas, con independencia das súas condicións, acudan á aula, lugar privilexiado onde se transmiten saberes teóricos, e adquiran coñecementos. Ou iso pensamos moitos. Pero resulta que os expertos da Administración e da universidade, que adoitan compartir a graciosa característica de non teren impartido xamais unha clase nunha escola ou nun instituto, chegaron á conclusión de que ensinar e avaliar contidos é unha idea pedagóxica anticuada, e propoñen, como alternativa, o enfoque competencial, que converte a aula nun conxunto de situacións de aprendizaxe orientadas cara á práctica.
Entre as chamadas «competencias chave» da secundaria atópanse as que aluden á tecnoloxía, á enxeñaría, ao mundo dixital e á empresa. Son todas competencias que responden ás necesidades da economía. O ensino público emite pois un claro sinal de que o groso do noso alumnado —as elites sempre poden optar polo ensino privado e por un modelo educativo tradicional— vai recibir unha formación consistente en destrezas relativas ao contexto laboral. Onde fican as linguas clásicas, a historia, a filosofía, u-lo espírito crítico e cívico, que é vital para a democracia? Non dá a sensación de que o que se busca é formar traballadores que satisfagan as necesidades do mercado? Cando decidimos que o ensino público debe ser funcional para a economía? E non será que o que se busca, a maiores, é evitar cambios sociais e culturais, que adoitan vir da man do coñecemento?
Semella cada vez máis obvio que a escola xa non é exactamente o lugar protexido onde as e os nenos e adolescentes acceden ao mundo intelectual ilustrado para se converteren en cidadáns libres. Vai impóndose a idea de que o espazo académico debe «integrarse na contorna», estar sintonizado coa familia, coa sociedade e coa economía. Non esquezamos, porén —e, sobre todo, lembrémosllelo ás e aos expertos—, que as persoas precisamos chegar á maioría de idade cuns coñecementos que nos apoderen. Para iso, o ensino público non pode deixar de ser un lugar consagrado á reflexión rigorosa en liberdade e seguridade, un lugar independente da familia e da tradición, un lugar, neste sentido, non «integrado na contorna», un lugar completa e felizmente alleo á orde socioeconómica. Debemos garantir que o noso alumnado saiba sen presións, por exemplo, que son os dereitos humanos ou que é o cambio climático. Só unha escola autónoma, deslindada da familia, da sociedade e da economía, preparada para formar cidadás e cidadáns cultos, críticos, emancipados e responsábeis, pode contribuír á diminución da desigualdade e ao desenvolvemento da democracia.