É frecuente escoitar nos medios de comunicación, amplificado polas patronais, o mantra de que en España existe un índice elevado de absentismo laboral. A Xunta fixo seu ese discurso e o ano pasado puxo en marcha unha campaña especial de revisión de incapacidades temporais. O resultado foi inmediato: das 20.000 baixas revisadas concluíron que 13.600 «non estaban xustificadas». No que vai de 2025 xa se revisaron máis de 18.000 casos e en máis de 3.000 chegouse á mesma conclusión.
Este relato, repetido de xeito periódico, reabre un debate recorrente no ámbito laboral: que é realmente absentismo?
Desde CC.OO. facemos un chamamento claro a non meter debaixo do paraugas do absentismo o lexítimo exercicio dos dereitos laborais. Non é absentismo enfermar e recibir unha incapacidade temporal prescrita por un profesional médico para conseguir a plena recuperación. Tampouco o é gozar dos permisos retribuídos previstos no Estatuto das Persoas Traballadoras e nos convenios colectivos, como son o coidado de familiares, o matrimonio, o falecemento dun achegado ou o acompañamento a consultas médicas. Cando se inclúen as baixas médicas dentro das estatísticas de absentismo estase criminalizando as persoas traballadoras e poñendo en cuestión a profesionalidade do persoal sanitario público, que é quen determina a necesidade dunha baixa laboral.
O que deberían facer empresas e administracións é investir en prevención e mellorar a saúde e seguridade dos cadros de persoal. No caso da Xunta, reforzar os recursos da sanidade pública no canto de promover a campañas de control que xeran máis dúbidas ca certezas. Porque non está claro con que criterios médicos se decide que unha baixa é «inxustificada», nin que garantías reais teñen as persoas traballadoras cando son chamadas a revisión. E que ocorre cando as afectadas aínda non puideron facer as probas diagnósticas necesarias por culpa das interminables listas de espera? Non se pode penalizar quen padece unha baixa polas deficiencias estruturais do sistema sanitario.
A experiencia demostra que as incapacidades temporais non se resolven con inspeccións nin con altas forzadas. Cómpre ir á raíz do problema. As condicións de traballo fisicamente duras e sen prevención axeitada, o aumento do estrés e das doenzas de saúde mental, os cadros de persoal envellecidos, a precariedade en sectores chave e a falta de vontade preventiva de moitas empresas explican boa parte das baixas laborais. Se non se actúa sobre estes factores calquera campaña de control será pura maquillaxe.
A loita contra o absentismo non pode transformarse nunha campaña de sospeita xeneralizada contra quen está de baixa médica. A saúde non é un luxo nin un privilexio: é un dereito. Por iso, desde a Federación de Servizos de CC.OO. insistimos en que absentismo é a ausencia inxustificada ao traballo, pero nunca as ausencias derivadas do exercicio lexítimo dos dereitos laborais.
E cómpre dicilo alto e claro: que non te confundan, non é absentismo todo o que che din.