
Vin no Salón Teatro compostelán A serie Clopen, unha produción propia do Centro Dramático Galego co circo como referencia e coa colaboración indispensable de Pistacatro, unha compañía que vén de gañar o Premio Nacional de Circo 2025, unha boa nova para Galicia e tamén para toda aquela xente que segue a reivindicar o mundo dun circo que non ten por que ser de carpa e sabe mesturar con calidade o humor dos pallasos, a música, o malabarismo e o teatro.
Moitos temos gravada na memoria a chegada desa vila móbil que era o circo, o maior espectáculo do mundo, e corriamos detrás dos artistas, atraídos pola súa fascinación mundana e a súa maxia irresistible. Cada vez que o foco iluminaba a pista o mundo paraba para vermos un home comer lume ou unha muller camiñar polo fío dun arame, meténdonos o corazón nun puño ata que a chegada dos pallasos borraba os medos e a tensión do momento para nos facer escachar coa risa.
O asombro segue aí, porque o circo é un patrimonio tan emotivo que as imaxes vólvense poéticas e, máis dunha vez, aínda se meten nos soños de adulto. O circo era a expresión do inesperado. E segue a selo con toda a evolución que se lle deu nestes últimos anos, con xente como Pistacatro, que soubo beber desa tradición para renovala.
O outro día, cando vía A serie Clopen, sabía que estaba a asistir a unha creación contemporánea, cunha temática diversa, aínda que ás veces eu non sabía onde tiña que rir porque se rebelaba en min ese neno que fun. O abraio non mudara, e a obra facíame volver ao asento de madeira da infancia.
O galardón a Pistacatro é unha magnífica noticia para todo o mundo porque mantén ese diálogo entre o pasado e o futuro, e premia tamén un espectáculo solitario, ambulante, precario, que xa non se ten por que desenvolver baixo unha carpa, e pode ofrecer o seu prestixio en calquera espazo alternativo coma unha nave industrial, unha praza, un parque ou, coma neste orixinal caso, un teatro. Parabéns!