
Que ganiñas ten Feijoo de que aparezan no PSOE unha caixa B e sobres con cartos dentro e as iniciais P. S. fóra! O que Feijoo daría por oír ao presidente Sánchez dicindo: «¡Ábalos, sé fuerte!». Non é o único político do PP que reza a san Antonio de Padua, patrón das cousas perdidas, para que axude á UCO a atopalos. En Madrid son tantos que teñen programada unha novena na ermida de San Antonio de la Florida que, ademais da imaxe do santo no retablo, teno no teito, nos frescos de Goya, e desde arriba ve máis e mellor. Tamén o xornalismo patriótico está nun férvelle férvelle permanente e á minima proclama en titulares: «¡Ya está! ¡Ya apareció la corrupción!». E logo resulta que a UCO non atopou máis que un desaxuste de 500 euros na contabilidade do partido. Ten que ser estresante andar todo o día e día tras día coa corrupción do PSOE de aquí para acolá, sen dar unha no cravo. Cuca Gamarra propuxo facer a novena a san Xudas Tadeo, patrón das causas —das causas, non das cousas— perdidas, e coido que tiña razón.
Vox non perde o tempo con probas que non aparecen e vai levar o Goberno aos tribunais por malversar fondos públicos ao traer nun avión da Forza Aérea os activistas españois da flotilla que foran detidos polo exército israelí cando levaban alimentos e medicinas a Gaza, nunha acción simbólica para denunciar o Goberno de Netanyahu que non permite a entrada de axuda humanitaria. E faino despois que o seu portavoz no Congreso os cualificase de «los exhibicionistas de la flotilla» e os acusase de «pegarse tremendo crucero de bailoteo por las islas del Mediterráneo». Os servizos de contraespionaxe de Vox teñen probas de que nas noites tolas da flotilla se cantou e bailou entre outras músicas libertinas o «Saca el güisqui Cheli para el personal y vamos a hacer un guateque» e remataron cada xornada cunha conguiña pola cuberta do barco. Home, os mariños israelís deron con eles porque no silencio da noite escoitaron unha voz rexa de barítono baixo que berraba: «¡Coooooongaaa!». E logo as do grupo: «La conga de Jalisco, ahí viene, arrollando».
Con ser grave o desprezo que polos activistas da flotilla senten en Vox, Díaz Ayuso, Aznar e toda a casta ou minoría egrexia que se ten pola única capaz de conducir politicamente o país, o verdadeiramente grave, o arrepiante é o seu desprezo polos mortos de terceira en Gaza. Eu nunca entendera como o pobo alemán puido coñecer e calar os horrores do Holocausto, pero agora, vendo e oíndo os líderes da extrema dereita en España, os seus voceiros nos medios, os seus seguidores, e lendo a declaración institucional que a Conferencia Episcopal Española fixo sobre a masacre en Gaza, enténdoo perfectamente.