Mulleres na Conquista

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día da Hispanidade non é nin sombra do que era en 1973 cando eu lía as declaracións de Gregorio Marañón Moya, director do Instituto de Cultura Hispánica, sobre España e Hispanoamérica «tan juntas», e parecíame oír a súa voz acompañada ao lonxe polos violíns da Primavera de Vivaldi. Agora non. Agora, malia os esforzos de Isabel Díaz Ayuso, que este ano o conmemorou como puido na Comunidade de Madrid e foi acusada pola oposición de volver ao franquismo, o Día da Hispanidade en España redúcese ao desfile das Forzas Armadas e os asubíos a Pedro Sánchez, e en Hispanoamérica cada vez máis xente pasa do Día da Hispanidade ao Día da Resistencia Indíxena e asubíannos a todos. O meu amigo Beceiro leva impartido máis de cen conferencias nas que responsabiliza dese descrédito á lenda negra que nos largaron ingleses e franceses, e parte de razón ten, pero se tres papas —Xoán Paulo, Benedicto e Francisco— pediron perdón ás poboacións indíxenas polos sufrimentos que a Igrexa lles causou durante a conquista e a colonización, é porque a cruz e a espada non foron moi distintas en múltiples ocasións. Por exemplo, no que as mulleres indíxenas viviron cos conquistadores.

O cronista Bernal del Castillo, que acompañou a Cortés na conquista de México, conta que en 1519 os caciques do río Grijalba leváronlle a Cortés un presente de ouro e mantas e alimentos, pero nada tan valioso como vinte mulleres, entre elas unha moi excelente que ao se facer cristiá —porque as cristianaban a todas— se chamou Mariña. Cortés repartiunas entre os oficiais e deulle Mariña ao moi bo cabaleiro Alonso Hernández Puertocarrero, pero cando este marchou a Castela fíxoa súa, preñouna «e hobo en ella un hijo, que se dijo don Martín Cortés». En 1521 chegou a México dona Catalina Suárez, muller de Cortés, e Mariña cedeulle o leito. Dona Catalina morreu axiña —a sogra levouno á Xustiza, acusándoo de asasinala—, pero Cortés non volveu con Mariña e casouna con Juan Jaramillo, amigo seu e confidente. De vello, Cortés recoñeceu once fillos de seis mulleres. Catro con indias.

Un dos problemas que Cortés tivo cos soldados foi no reparto do mullerío porque daba as mozas e guapas aos seus achegados e as vellas ou feas aos demais. A cousa foi tan seria que houbo de comprometerse a «sacallas en almoneda». De maneira que as indias eran para os cristianísimos conquistadores obxectos de uso como as mantas, as teas e os alimentos, pero menos valiosas porque eran escravas. Así as chama Bernal del Castillo e di que uns españois as trataban ben e outros mal. Tan mal que algunhas desaparecían «y preguntar por ellas era como quien dice buscar a Mahoma en Granada».

O tema dá para moitos folios e un capítulo dedicado ás ordenanzas de Carlos V, en 1552, que obrigaron os conquistadores con liñaxe a romper as familias que formaran con indíxenas, aristócratas as máis delas. Tamén o racismo institucional presente na Conquista foi especialmente cruel coas mulleres.