Hai unha teima histórica en dividir e enfrontar as cifras e as letras. Os currículos de ensinanza variaron pero segue no aire a pregunta: e ti, de quen vés sendo? Ou sexa: de ciencias ou de letras? As ciencias e as letras poden (e deben) ir da man. Non hai fórmula matemática que non precise dunha linguaxe clara para se explicar, nin texto literario que non se sosteña, dalgún xeito, nunha estrutura lóxica coma a dunha ecuación. A lóxica, rama da filosofía, ten tanto de pensamento matemático coma de retórica.
Semella que se puxeron de acordo. Pero... para que? Para pelexar. Porque os debates doutra índole, unha vez máis, transcenderon á esfera do político.
A opa do BBVA ao Sabadell pelexa polas cifras, involucrando a distintos gobernos na súa valoración. Por outra banda, a RAE e o Instituto Cervantes enfróntanse por quen amosa maior respecto á lingua. Institucións privadas (bancarias) e públicas (lingüísticas) combatendo en campo aberto.
Dá rabia que se poñan de acordo para isto e non para ensinar para traducir o mundo con rigor e beleza. Pero non: preferiron entrar en guerra polo poder e prestixio. O que cómpre é lembrar que detrás das cifras tamén hai historias, e que detrás das letras hai datos. Que unha novela pode explicar mellor unha crise ca mil gráficos, e que unha fórmula pode agochar unha poesía exacta que moitos non chegan a ver. Todo é cuestión de linguaxe, pero o mundo é unha ecuación que pide verbo e número á vez.