Unha boa idea que deberíamos abandonar

Marcos Pérez Maldonado DIRECTOR DOS MUSEOS CIENTÍFICOS CORUÑESES

OPINIÓN

Ricardo Rubio | EUROPAPRESS

25 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre me gustou o cambio de hora, pero a día de hoxe penso que deberiamos abandonalo. Antes de nada cómpre dicir que o cambio de hora é unha boa idea. Adiantar e atrasar o reloxo un par de veces ao ano resolve de xeito razoable e elegante o desafío de compatibilizar os ríxidos horarios das nosas sociedades urbanas coa variación natural das horas de luz ao longo do ano. O obxectivo é que os menceres non se alonxen máis de unha hora das 8 da mañá, de xeito que podamos gozar de luz a primeira hora durante todo o ano. O prezo, claro, é que os solpores se espallan dende as 18 horas en inverno ata alén das 22 horas a comezos do verán. Esas horas extra de luz vespertina para gozar de actividades ao aire libre e facer vida social eran precisamente o que eu máis apreciaba do cambio de hora.

Con todo, as preferencias persoais non poden ser o único criterio para resolver este dilema. Para moita xente o cambio de hora é un absurdo, unha molestia ou, no peor dos casos, unha tortura que deixa mal corpo durante semanas ou meses. Ademais, debemos considerar aspectos sociais e económicos como a coordinación con países da nosa contorna, os intereses da industria turística, o rendemento académico da rapazada ou o incremento de accidentes de tráfico cada vez que cambiamos a hora. Todos estes factores revelan que estamos diante do típico problema que debe resolverse no marco das institucións políticas. Afortunadamente, cada vez é máis frecuente que este proceso teña en conta a perspectiva que achega a ciencia, de xeito que as decisións non se baseen unicamente na intuición, a ideoloxía ou a defensa de intereses sectoriais.

Neste caso, o coñecemento científico máis relevante é o que achega a cronobioloxía. Esta ciencia estuda os sistemas internos que, como un reloxo biolóxico, manteñen perfectamente sincronizados os mecanismos do sono, o metabolismo, o sistema circulatorio ou a función hormonal. E as súas conclusións son contundentes: debemos tentar recibir a maior cantidade de luz solar pola mañá, xusto despois de espertarnos, e evitar a exposición á luz diúrna antes de irmos durmir. Así as cousas, como política pública informada pola evidencia científica, entendo que o mellor para os 49 millóns de persoas que vivimos en España é manter todo o ano o horario estándar —que é ao que volvemos este sábado—. Non é o meu preferido, pero o argumento do ben común é máis que convincente.