O cancro de mama continúa a ser a principal causa de morte por cancro nas mulleres, e atopalo cedo ou tarde pode mudar por completo o rumbo dunha vida. Nos programas de cribado falamos moito da mamografía, pero menos dun factor que condiciona tanto o risco como a capacidade real de detectar o tumor a tempo: a densidade mamaria. Por iso paga a pena preguntarse: que significa exactamente ese termo que ás veces aparece no informe radiolóxico e adoita quedar sen explicación? A densidade mamaria é, dito sinxelamente, a proporción de tecido glandular e fibroso que hai na mama en relación coa graxa que vemos na mamografía. Nas imaxes, o tecido denso aparece branco, e os tumores tamén; por iso, ás veces poden confundirse e quedar agochados. Por unha banda, as mulleres con mamas moi densas presentan un risco máis alto de cancro: a modo de referencia, despois dos 50 anos é dun 6 % nas de baixa densidade fronte a arredor do 15 % nas de maior densidade. Porén, a mamografía é menos sensible en mamas moi densas: nas mamas con máis graxa identifica nove de cada dez cancros, mentres que con densidade moi alta pode caer a sete de cada dez. Non é motivo de alarma, senón de coñecer este factor e adaptar o cribado para actuar con máis precisión.
Nos Estados Unidos xa se deron pasos: é obrigatorio informar ás pacientes se teñen mamas densas, explicar as súas implicacións e valorar probas complementarias como ecografía ou resonancia magnética. Ese enfoque non pretende substituír a mamografía, a única técnica de cribado que demostrou reducir a mortalidade, senón reforzala cando a lectura da imaxe é máis complexa pola densidade. O criterio é clínico e individualizado: cando o profesional o considera indicado, solicítanse exploracións adicionais para aclarar o que a radiografía non mostra con suficiente nitidez. Cando facelas e a quen? As recomendacións son claras para as mulleres asintomáticas: cómpre facer unha exploración clínica das mamas a intervalos de cada un ou tres anos para mulleres de 25 a 39 anos, e anualmente para mulleres de 40 anos ou máis. Se a mamografía indica alta densidade ou aparece un achado dubidoso, a ecografía engade información útil porque diferenza mellor os tecidos. Non é facer máis por rutina, senón escoller o que precisa cada corpo.
Á marxe das probas, as decisións do día a día tamén contan. Manter un peso saudable, facer exercicio con regularidade, reducir ou evitar o alcol e, cando sexa posible, optar pola lactación materna son medidas que axudan a baixar o risco. Estar atentas a cambios na pel, nas mamilas ou á aparición dun bulto, e consultalo de inmediato, segue a ser unha forma esencial de coidado. A boa nova é que a supervivencia mellorou de xeito notable grazas ao diagnóstico temperán, ó uso da intelixencia artificial na interpretación das imaxes e aos tratamentos actuais. Os datos mostran que máis do 90 % das mulleres seguen vivas aos cinco anos do diagnóstico, e a cifra supera o 99 % cando o tumor está localizado. É a mellor evidencia de que chegar a tempo importa. Se tivese que pedir dúas accións concretas despois da lectura deste artigo, serían estas: primeiro, pregunta cal é a túa densidade mamaria; segundo, fala co teu equipo sanitario sobre se precisas probas complementarias e, se hai historia familiar ou outros factores, sobre a utilidade da análise xenética. A tecnoloxía existe e o sistema pode axudar, pero a chave é sempre a mesma: información que chega, se comprende e se converte en decisións. Porque, no cancro de mama, informarse é chegar a tempo.