Un bloqueo á Galicia verde

Ángeles Vázquez Mejuto A O FÍO

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivir en Galicia, esta terra verde e azul, auténtico refuxio climático, é un privilexio. Como tal, temos a responsabilidade de preservalo entre todas as galegas e os galegos. De protexer o noso medio ambiente loitando contra o seu máximo inimigo, o cambio climático.

Temos bosques e montes, auténticos pulmóns. Báñannos mil ríos e a maior costa de toda España. E temos vento. O Goberno galego asumiu o mandato comunitario de declarar de interese público superior e promover a enerxía renovable, por ser o mecanismo esencial para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. No 2023 logramos diminuílos en case un 40 %, a un ritmo cinco veces maior que o conxunto de España.

Cando o Goberno central, no 2020, estableceu fitos para o rápido desenvolvemento dun sistema enerxético descarbonizado, a Xunta tramitou con solvencia as autorizacións eólicas, esixindo informes rigorosos e blindando o 78 % do territorio para a implantación de parques. Nese proceso, máis do 50 % das solicitudes non pasaron o corte da avaliación ambiental. A preservación das zonas máis sensibles quedou blindada.

Porén, os parques autorizados foron recorridos por tres asociacións e paralizados pola sección terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O primeiro paso que deu o TSXG foi anular en 2022 e 2023 as autorizacións de tres parques por considerar incorrectos os trámites da avaliación ambiental, e por entender que resultaba fraudulento que parques próximos compartisen liñas de evacuación.

O Tribunal Supremo desbotou o criterio do TSXG, concluíndo que a tramitación da Xunta foi impecable, e resaltando a conveniencia medioambiental de que os parques compartisen infraestruturas. Por dicilo dun modo claro e sinxelo: é mellor non encher o territorio de liñas eléctricas e subestacións.

O segundo paso do TSXG foi solicitar o criterio de Europa. Unha vez máis, o alto tribunal europeo, o pasado mes de agosto, reforzou o bo facer da Xunta de Galicia, validando as avaliacións ambientais dos parques eólicos que se realizan na nosa comunidade.

Galicia esperaba con expectación que o TSXG movese ficha. Esta semana coñecíamos un novo pronunciamento do tribunal galego, no que volve insistir por terceira vez, desoíndo o criterio do Supremo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en que a tramitación ambiental de Galicia é inválida e en que cada parque que produza enerxía eólica debe tramitarse coa súas propias liñas de evacuación, aínda sendo ambientalmente menos eficientes.

Despois desta última sentenza do TSXG, que consideramos desacertada e prexudicial para o futuro enerxético de Galicia, acudiremos de novo ao Supremo. Pero o tempo perdido, unha vez máis, xa non se pode recuperar.

Cada parque eólico paralizado resta potencial renovable a Galicia. Agora mesmo, con preto de 90 parques suspendidos, hai máis de 2,5 millóns de toneladas de carbono que podían deixar de emitirse.

A situación que vive Galicia, asfixiada por esta parálise xudicial, é inédita no resto de España e de Europa. E resulta incomprensible, porque bloquear as enerxías verdes supón bloquear Galicia e impídenos avanzar cara a neutralidade climática e a autonomía enerxética. Este freo debe levantarse canto antes. Polo ben dos que vivimos nesta terra, amámola e coidamos dela.