O outro Camus

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

Gelmert Finol | EFE

17 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando un escoita certos apelidos tendemos á reverencia. Por exemplo, Camus. El foi dende sempre un sinónimo de lucidez, ademais de talento literario. Sen embargo hai outro Camus, en Francia, tan célebre como Albert. Non son familia. Pero comparten apelido e, témome, para moita xente este último goza de máis popularidade que o de quen foi o grande amor da galega María Casares. Refírome a Renaud Camus. Tamén é escritor. E vende moitos libros en Francia. Pero non é famoso por ter escrito O estranxeiro ou A peste, senón por ser o autor da teoría conspiranoica do Gran Reemprazo, mercada pola estrema dereita europea (tamén de Vox) e que sostén, no básico, que hai unha elite mundial que leva décadas organizándose para que en Europa os nativos (ou sexa, nós) sexamos reemprazados por persoas de pobos non europeos. Ou sexa, que a inmigración non sería tanto unha cuestión de que a xente fuxe da pobreza, ou da guerra, senón que é todo un plan para que en Europa non haxa europeos senón africanos. Segundo esta teoría, a Europa branca deixaría paso a unha Europa negra e magrebí, e a civilización cristiá botaríase a un lado en favor da islamización colectiva de todo continente.

A teoría, por suposto, non ten nin pés nin cabeza, pero, como adoita pasar coas parvadas máis absurdas, goza de gran predicamento en certos partidos políticos e, polo tanto, en moita xente do común que realmente é quen de ver, nese cativiño de poucos meses que chega no colo da súa nai nunha pateira, a unha especie de soldado enviado por uns malísimos homes brancos poderosos (velaí a ironía final) que queren que nos reempracen a todos. O curioso deste Camus é que foi un dos primeiros homosexuais en pelexar abertamente en Francia a prol dos dereitos LGTBI e, alucinen, é discípulo do gran filósofo Roland Barthes e amigo de Margueritte Duras. Cando un coñece eses datos estópualle a cabeza, porque tendemos a pensar que quen se relaciona con xente intelixente adoita contaxiarse dalgún xeito desa listura que, polo visto, neste caso non se deu.

Albert Camus, o literato bo, o outro, era alxerino e veu, polo tanto, de África para darlle a Francia un premio Nobel. O seu pai era un home estremadamente pobre que deu a vida polo país galo na Primeira Guerra Mundial. A nai, que por certo era de Menorca, era unha analfabeta que se gañaba a vida limpando baños, como tantos e tantos inmigrantes. Segundo a teoría do outro Camus, estaban en Francia (Alxeria era colonia francesa) para reemprazar aos pulcros galos.

O apelido non sempre, polo que se ve, dá a intelixencia.