Ramón Piñeiro, galeguista consciente
OPINIÓN
Neste ano no que a sociedade galega fai memoria e reivindicación do noso atalieiro Castelao (1886-1950), guieiro do nacionalismo galego contemporáneo, lembramos tamén a figura dun home esencial no galeguismo do século XX, o intelectual Ramón Piñeiro (1915-1990), 110 anos despois do seu nacemento. Será en Compostela (21 e 22 de novembro, con asistencia libre), no centro de estudos que leva o seu nome, a través da cuarta edición das Xornadas Olladas no Pasado, 2025. Piñeiro foi recoñecido en Galicia nas Letras Galegas 2009, e máis modestamente no 2015, cadrando co centenario do seu nacemento. Pode ser esta boa ocasión, pois, para volver revisar a súa vida e obra, as súas importantes achegas ao pensamento e á praxe galeguistas.
No encontro, anunciado coas ilustracións do seu amigo Siro López, van participar persoas que mantiveron relación con el, así como representantes de xeracións máis novas. Haberá aloumiños de institucións e entidades moi apegadas ao seu ser enteiro: o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Editorial Galaxia, a Secretaría Xeral da Lingua. Cos relatorios e os diálogos vaise afondar no que significou o autor de Olladas no futuro (1974) e de tantas contribucións ao idioma, á cultura e á política galegos. Piñeiro foi moito Piñeiro. E moito piñeirismo enchoupa Galicia arestora. Ademais, na conclusión do evento, presentarase o libro Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto. Filosofía e poesía que producen quilowatts. Naquel seu libro futurista, o autor tamén da Filosofía da saudade (1984) escribía no artigo Galeguismo: «A identificación co propio pobo, coa comunidade social á que un pertence, é un deber moral de todos os seres humanos. Todos os homes de ben senten amor ao seu país [...]. Se o galeguismo é a lealdade dos galegos a Galicia, esta lealdade vense manifestando de dúas maneiras: ou puramente sentimental, como ocorre no galeguismo espontáneo, ou plena e total, como ocorre no galeguismo consciente. Se a primeira se converte na segunda, Galicia poderá acadar o nivel histórico do noso tempo», conclúe.
Intensa —e ás veces tensa— foi a relación de Ramón Piñeiro con Castelao. O amor e compromiso con Galicia pode manifestarse de xeitos diversos, diverxentes, converxentes ou complementarios. Con todo, agora que vivimos días de conmemoracións, é pertinente recordar que ambos os persoeiros sufriron coas gadoupas da ditadura franquista, que tanto marcou con dor as súas biografías. Pola memoria histórica: 2025, Ano Castelao e acordanza dos 110 anos de Ramón Piñeiro. Dúas vidas ben frutuosas para Galicia e as causas humanistas.