Novembro 22

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

20 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Nadal, na casa, comeza o 22 de novembro. Non poñemos luces aínda. Nin tampouco o belén, do que se encarga con pericia o primo Gerardo. Da árbore encargámonos o resto, aínda que as tres mulleres da casa aseguran que eu non fago nada. Mentira. Quero reivindicar o meu papel. Cada noite, como elas se deitan antes, eu arranxo todo con simetría. Se hai algún desperfecto, soluciono o problema. Tamén sitúo as bolas de Nadal na escala cromática conveniente, e as cintas, e unhas mazás vermellas que están aí e eu non sei de onde saíron. Tamén acendo as luces, o que non é tarefa menor. Porén, eu non quería falar da árbore e do belén, que nós poñemos a principios de decembro. Concretamente arredor da ponte da Concepción, que agora chaman da Constitución, palabra moito menos explícita que Concha ou Conchiña. Dicía arriba que o Nadal na casa comeza o 22 de novembro porque ese día é o aniversario da nosa Marta. Agora dálle por facer deporte. Estudar, facer deporte, facer deporte e estudar. Libra un día á semana. Aproveita a xornada para pasear co Kiwi, que é o can de Marcos e dela. Kiwi é precioso, un pastor australiano que ten andares de modelo, como se camiñase ou correse por unha pasarela. Pouco obediente. A min, particularmente, non me fai ningún caso. O día oito de agosto, a 42 graos de temperatura, escapóuseme. Pensei morrer tras el. Só anda detrás de min cando me acerco ao xamón. Daquela si que corre o Kiwi comigo. Unha lasca para el, outra para min. O que quería dicir con isto é que cada Nadal comeza co cumpreanos de Martiña. É como unha luz que nunca se apaga. Ilumínanos. Coa súa bondade fainos mellores do que somos. Oxalá este novembro anuncie para ti a alegría.