Hai nomes que chegan para mover un pouco o ar, levantar o po que leva séculos pousado e deixar que a base brille. É o caso de Carmen Eiró, primeira muller á fronte da Fiscalía Superior de Galicia. Primeira, que non é palabra pequena cando chega tan tarde. Na súa toma de posesión fixo un discurso no que falou do que importa: da violencia machista que segue a golpear, do acoso escolar que cala berros pequenos, das vítimas que non teñen voz ata que alguén lla presta. Falou tamén dos lumes que arrasaron o país e da necesidade de que ningún quede impune. Unha lista de prioridades coa que non busca aplauso, só determinar obxectivos de traballo. E fíxoo en galego. Dunha maneira natural, sen declaralo, sen xustificalo, do xeito máis fermoso e ademais máis eficiente para normalizar unha lingua: usala como quen respira.
Ata o fiscal xeral, presente no acto, quixo sumarse cunhas palabras na nosa fala. Un xesto pequeno que amosa respecto.
Carmen non entrou en polémicas, non desviou o foco, non se deixou arrastrar polos ruídos que acompañan sempre (e ultimamente máis) estes actos. Limitouse a ser profesional, serena, precisa. Hoxe iso, a elegancia, é case revolucionaria.
Oxalá que o cargo (e todo o demais que o rodea) lle permita abrir portas, protexer máis e mellor, humanizar a lei sen estragala ou deturpala, e facer que a xustiza soe tamén a feminino e a galego sen pedir perdón ou permiso por iso. Porque, ás veces, unha só precisa chegar, falar claro, e deixar que o país entenda que xa tocaba.