Un crocodilo baixo a cama

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, y la vicepresidenta primera y ministra de Hacienda, María Jesús Monero, este miércoles en el Congreso
El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez, y la vicepresidenta primera y ministra de Hacienda, María Jesús Monero, este miércoles en el Congreso Borja Sánchez-Trillo | EFE

30 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un paciente explícalle ao seu psicoanalista que non é capaz de durmir porque hai un enorme crocodilo baixo a súa cama. O psicoanalista convénceo de que se trata dunha alucinación paranoica e o paciente, aparentemente curado, deixa de ir á consulta. Pasado un tempo, o psicoanalista coincide cun amigo común e interésase polo paciente insomne. O amigo, compunxido, pregúntalle se se refire á persoa que morrera devorada por un enorme crocodilo que estaba agochado baixo a súa cama.

Nas democracias parlamentarias, os gobernos son elixidos e responden da súa xestión diante das cámaras lexislativas correspondentes. A diferenza dos sistemas presidenciais, nos que a lexitimidade do executivo emana directamente do pobo mediante eleccións directas, nos sistemas parlamentarios son os representantes electos os que outorgan ou retiran a confianza ao xefe do executivo. Contar cunha maioría parlamentaria é chave, pois, para garantir a estabilidade do goberno. Cando un partido conta por si mesmo coa maioría suficiente para elixir presidente, como ocorre en Galicia, non son necesarios pactos ou coalicións que garantan a estabilidade. Pero é habitual, e máis frecuente canto máis proporcional sexa o sistema electoral, que dúas ou máis forzas políticas formen coalicións ou asinen acordos de goberno para elixir o presidente do executivo. E habitualmente xorden entre aquelas forzas con maior afinidade ideolóxica.

Tras as eleccións xerais de 2023, Sánchez conseguiu artellar unha maioría parlamentaria, autodenominada «de progreso», a través de distintos acordos (de goberno con Sumar, que a súa vez é unha coalición electoral; e só de investidura con distintas forzas soberanistas). Acordos meritorios, se temos en conta a disparidade ideolóxica das partes, o que explica a ausencia orixinaria dun programa de goberno común, e que sexan máis uns pactos «á contra» (o célebre muro de Sánchez) que a favor dun proxecto compartido. Por quedarnos nos dous eixos políticos tradicionais, no ámbito económico incorporáronse desde forzas social-liberais a intervencionistas extremos de raíz colectivista. E no ámbito territorial, desde autonomistas e federalistas españois ata independentistas cataláns ou vascos.

Tan grandes diferenzas agoiraban a fraxilidade da «maioría (parlamentaria) de progreso» (aínda que non a da lexislatura). E, efectivamente, a incapacidade de satisfacer a todos á vez está a crebar esa maioría. A votación sobre os obxectivos de estabilidade orzamentaria do pasado xoves no Congreso, paso previo obrigado para a tramitación dos orzamentos do Estado para 2026, evidenciouno. O PSOE e Sumar mantiveron o apoio de ERC, PNV, Bildu, BNG e Coalición Canaria: 164 votos. Pero perderon polo camiño 12: os de Junts e os de dúas forzas escindidas de Sumar (Podemos e unha parte de Compromís, a súa vez unha coalición electoral valenciana integrada na coalición Sumar). Neste contexto, botarlle á oposición a culpa do resultado da votación e non á propia incapacidade do Goberno de manter a súa maioría, como fixo María Jesús Montero, é simplemente pueril.

O chiste do crocodilo utilízao Zizek para explicar o efecto do real sobre o imaxinado. O real é que o autodenominado «goberno de progreso» naceu cun crocodilo instalado baixo a súa cama. E o peor é que hai outro crocodilo igual de voraz, en forma de corrupción, que asoma as súas fauces desde o armario do dormitorio.