O lixo baixo a alfombra

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Jorge Zapata | EFE

08 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre pensamos que debaixo da alfombra cabe todo. O po, os erros, as irresponsabilidades… ata as vergonzas. Pero as alfombras teñen memoria: van avultando. E, canto máis camiñamos por riba, máis se esparexe o que tentamos agochar. Ao final non só o lixo fica á vista: é o chan enteiro o que comeza a parecer sucio.

Revisamos? En Andalucía, o fallo na detección temperá do cancro deixou milleiros de mulleres desprotexidas. Non é unha nota a pé de páxina: é unha responsabilidade. No hospital público de Torrejón de Ardoz reutilizábase material dun só uso, provocábanse listas de agarda, impoñíanse criterios económicos...

Que tristura que xoguen coa nosa saúde, coas nosas vidas. Tamén coa saúde mental e a integridade das persoas. Esta é a alfombra de Paco Salazar ou de Antonio Navarro, sacudindo a vasoira para que nada se soubese, para que todo seguise igual.

Todo imperdoable.

O problema é o lixo que se garda e o efecto que deixa. Po acumulado é desconfianza. Un fallo vólvese sospeita. Unha mala decisión convértese en patrón. E así, pasamos de desconfiar do caso puntual a desconfiar de todo.

O po baixo a alfombra importa; o que se tenta ocultar acaba saíndo pola beira, contaminando moito máis do que ocuparía se se limpase a tempo. Por iso vai sendo hora de erguer as alfombras sen medo, airear as estancias, recoñecer o que está mal e limpalo de verdade. Mentres haxa quen siga dicindo «total, non se ve» seguiremos vivindo nunha casa que fede sen que ninguén admita de onde vén o cheiro.