Entre as grandes referencias de peregrinación na Europa que comeza a levantarse, ou a recoñecerse a si mesma, a partir do século XIII, unha das máis significativas é a catedral de Colonia, que empezou a construírse en 1248 e tardou seiscentos anos en rematarse. Durante moito tempo considerouse o edificio máis alto do mundo. Alí está o relicario onde, segundo a tradición, se conservan os restos dos Reis Magos. Unha obra de gran dimensión entre as do seu tempo, deseñada polo ourive alemán Nicolás de Verdún en 1190: un sarcófago en tres corpos, decorado con xoias preciosas, no que se representa a historia da humanidade segundo a tradición cristiá, dende a creación do mundo ata o Xuizo Final. E alí están, ou disque puideron estar, os tres magos de Oriente: Melchor, Gaspar e Baltasar.
Na Pontevedra da miña infancia non había tanto misterio. Na noite do 5 de xaneiro aparecían na praza da Ferrería, ou no pazo de Campolongo, sen necesidade de tanta erudición. Pero o da catedral de Colonia é impresionante, e a historia que está detrás aínda máis. Seica foi Santa Helena, a nai do emperador Constantino, quen deu cos restos dos magos de Oriente en terras da raíña de Saba e os trouxo para Constantinopla. Marco Polo, no seu libro de viaxes, tamén fala das tumbas dos Reis Magos no que hoxe é Teherán. As reliquias eran entón un tesouro de altísima significación, que confería poder e moitísimo diñeiro. Existiu un impresionante tráfico de reliquias durante aqueles séculos. Como explicar se non o Pío Latrocinio do arcebispo Xelmírez cando no ano 1102 trouxo para Compostela dende Braga os restos de San Frutuoso, San Cucufate, San Silvestre e Santa Susana? Nos mosteiros medievais os monxes roubaban reliquias entre eles, moitas veces apoiados polos reis ou os señores feudais, para engrandecer os seus centros de devoción.
A catedral de Colonia foi construída para acoller as reliquias dos Reis Magos logo que o emperador Federico Barbarroxa as levantase pola brava da catedral de Milán, onde foran depositadas polo bispo San Eustorxio, quen á súa vez as recibira do patriarca de Constantinopla. Quería o emperador engrandecer a sede da cidade alemá, símbolo da Sacro Imperio, e nada mellor que os Reis Magos. En Compostela estaba o apóstolo Santiago. En Roma os primeiros mártires do cristianismo. En Xerusalén a memoria da cruz de Xesucristo, que por certo seica descubriu tamén a emperatriz Helena, padroeira dos arqueólogos. Andan as estelas de cruz por medio mundo. Na catedral de Colonia, detrás do altar maior, está o relicario dos Magos de Oriente, que na tradición oriental eran doce, un por cada tribo de Israel, e nalgunhas tradicións apócrifas catro (Artabán, que se extraviou no camiño a Belén). No relicario de Colonia están coas súas coroas de rica pedrería. A mirra, o incenso e o ouro disque foron dar ao mosteiro de San Pablo, no monte Athos, na Macedonia central.