A aposta

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Simeone y los jugadores del Atlético de Madrid tras el partido en el que fueron eliminados de la Champions por el Arsenal.
Simeone y los jugadores del Atlético de Madrid tras el partido en el que fueron eliminados de la Champions por el Arsenal. Dylan Martinez | REUTERS

Gústame o Vinte e Medio. É un bar amable, de música pulcra, sen voces demasiado estridentes. A xente senta nas mesas coma se fose na súa casa, confortable e serena. Contribúen ao éxito do local a camareira, Ana, e o barman, Anxo. Eu síntome como un obxecto máis da decoración, ou iso parezo. Como Hemingway no Iruña de Pamplona, ou Valle-Inclán no Café Gijón de Madrid, ou como o Mariló no Fidel's. Formamos parte do mobiliario, sen dúbida. Eu paso moitos mediodías no Vinte e Medio. Gústame falar con Ana e Anxo. Son grandes lectores. Ela ata le os meus libros, algo absolutamente excepcional: son un escritor tan consagrado que ninguén toca os volumes que eu asino..., quizais para que non perda esa consagración. En realidade, non nos enganemos, son un escritor inexistente. Un fantasma. Por iso, gústame estar en lugares de atmosfera fantástica, sedutora. Intento que todos os bares que visito sexan así: feiticeiros. En Verín hai moitos. E cada un ten o seu momento. O meu, no Vinte e Medio, é o mediodía. Sempre chego a última hora porque estamos os de sempre. Ademais, acudo a miúdo porque teño contas pendentes con Anxo: unhas apostas para comer, varias. Ganeinas todas; eu, que nunca gano nada. Pero el vai adiando a data do encontro gastronómico. A última aposta foi sobre a Champions. Chegaría á final o Atleti? El, que si. Eu, que non. Un día destes imaxino que iremos comer. En tanto, o Anxo láiase da súa mala fortuna comigo. Eu mesmo estou sorprendido de ganar sempre. E el, do contrario. Onte comentei que as súas apostas eran menos fiables ca un reloxo parado. «Por que?», preguntou. Díxenlle: «Porque o reloxo, aínda que estea estragado, hai dúas veces no día que acerta».