Orballo amosará no festival de teatro o máis representativo da escea galega

SUSANA PÉREZ O CARBALLIÑO

OURENSE

MONCHO FUENTES

Os últimos traballos de Ollomoltranvía, Sarabela, Celso Parada e Vidal Bolaño estarán presentes no certame Poucas novidades na presentación da programación do Festival de Teatro Galego. Orballo aposta sobre seguro e leva a O Carballiño os último traballos de Ollomoltranvía, Sarabela Teatro e Celso Parada, montaxes todas elas que veñen respaldadas por un éxito de público. O certame incorpora como novidade a compañía «Manivela & Galería», de recente creación, pero con vellas caras coñecidas do teatro galego como Ernesto Chao e Rosa Álvarez. Os espectadores poderán mercar, a partir de hoxe mesmo, os bonos que o colectivo poñerá a disposición do público nas rúas de O Carballiño e en taquilla unha hora antes das dúas primeiras sesións. A primeira cita será no Auditorio ó próximo 5 de setembro.

01 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Un grupo de colaboradores da asociación cultural Orballo adicaranse _durante os días previos ó inicio do Festival de Teatro Galego_ a difundir polas rúas de O Carballiño a programación, así como a venda de bonos. Este sistema supón, segundo a directora do certame, Dina Martínez, «un grande aforro para aqueles espectadores que asistan ás tódalas sesións, posto que o prezo das seis é de 2.000 pesetas (12,04 euros), mentres que a tarifa única é de 500 pesetas». Deste xeito preténdese tamén que a organización conte dende un principio «cun colchón económico, que sosteña os orzamentos deste certame». Para a ocasión, Orballo ofrece ó espectador unha carteleira exclusivamente galega, na que os espectadores carballiñeses poderán disfrutar de moitas e vellas caras coñecidas. Este é o caso da compañía Ollomoltranvía, quen segundo Dina Martínez «é un dos grupos preferidos do público local, cousa que demostra a súa calidade en cada representación». Todas elas son obras estreadas este mesmo ano, a excepción de Celso Parada, quen presentará o traballo Morte accidental dun anarquista, coa que Teatro do Morcego leva percorrendo os escenarios galegos fai máis dun ano. Sarabela Teatro encargarase de representar outra das montaxes máis agardadas polo público carballiñés, O lapis do carpinteiro, unha obra baseada no libro do mesmo nome do escritor galego Manuel Rivas.