O Festival de Teatro Galego levanta o telón coa obra «O lapis do carpinteiro»

SUSANA PÉREZ O CARBALLIÑO

OURENSE

Orballo destaca o éxito da venda de bonos, máis de cen, nos días previos ó certame que se inaugura hoxe Os escenarios carballiñeses levantarán hoxe o telón para acoller un dos éxitos de público da tempada, «O lapis do carpinteiro». Coa representación da obra de Sarabela darase por inaugurada a decimoquinta edición do Festival de Teatro Galego. O Carballiño estará durante os próximos cinco días no punto de mira da escea galega.

04 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A campaña de difusión emprendida por Orballo, de venda anticipada de bonos para o Festival de Teatro Galego, deu os seus froitos. A organización vendeu xa un total de cen bonos, co que na tarde de onte pensaba sacar a rúa unha nova tirada da imprenta. A directora do certame, Dina Martínez, amosou a súa satisfacción pola boa marcha da venda e afirmou que «seguramente instauremos esta fórmula en vindeiras edicións, posto que nos aporta un colchón económico importante para afronta-lo inicio do festival». Os espectadores que se acollan a esta fórmula poderán disfrutar das seis sesións polo prezo de 6.000 pesetas (36,14), mentres que os que recollan o billete en taquilla terán que pagar o prezo único de 500 pesetas. Deste xeito os espectadores que estén interesados en acudir a tódalas sesións vense gratificados cun pequeno aforro. A obra que hoxe se representa en O Carballiño, O lapis do carpinteiro, está baseada no libro do mesmo nome do escritor galego, Manuel Rivas. Esta será a segunda vez que a compañía de Ánxeles Cuña Bóveda se despraza ó occidente ourensán, Sarabela Teatro participou o pasado mes de xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. A compañía Ollomoltranvía tomará o relevo, mañá mércores, co comedia Ñikiñaque, dirixida polo polifacético Cándido Pazó. O escenario do Festival de Teatro Galego voltará a ser o Auditorio carballiñés.