DIARIO DE AURIA | O |
20 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.NO BAUTIZO de Elena reinaba o sol (aínda que entre o teu pai e os seus colegas, Elena, sempre reine a lúa: a noite, as utopías que non levan a ningún sitio, as que levan a uns ollos perdidos no fondo dun vaso, as que abrazan, as que alimentan as ganas de vivir, tantas). Un bautizo é un notición que debe figurar nos periódicos. E, sen embargo, os periódicos coleccionan notas necrolóxicas. El mundo al revés, que dicen mis amigos. Os mesmos que nos abrazamos en torno a Elena, sellando con amor e versos nunca escritos, que Elena reine tamén, como sol. Nesta provincia hai que entronizar os bautizos. Que aparezan nas páxinas de política en lugar das declaracións dos prebostes peperos, bloquistas e sociatas. Hai que declarar a monarquía da vida en medio de Auria. Elena trae a alegría na súa cara de herbaluísa (marialuísa, quero dicir). E a min tráeme o abrazo de Antonino Nieto, un dos seres con máis talento nacidos nesta provincia: artista, poeta, un clásico (tus ojos eran mis ojos, qué mayor prueba de amor). Ezra Pound escribiu: o que amas, perdura. Certo. Por eso tú, Elena, no dejes de amar. Para que siempre reine el sol. O la luna, cariño.