Era transmisor da xeración de intelectuais ourensáns que deixaron pegada en Galicia A Academia Galega asistirá ao funeral que presidirá o bispo co padre Isorna na igrexa da Trinidade
01 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Por decisión da súa viúva, Xulio Francisco Ogando Vázquez será soterrado na tarde de hoxe no panteón familiar de Villafranca del Bierzo e non en Beariz, parroquia natal do finado. Antes haberá unha misa de funeral de corpo presente na igrexa da Santísima Trinidade, presidido polo bispo de Ourense e concelebrado por outros cregos entre eles o galeguista e franciscano Padre Isorna. Ogando Vázquez tiña 91 anos e na tarde do xoves estivo tertuliando cos amigos e co seu sobriño Ramón, como de costume. Chegada a noite, o intelectual amosouse indisposto polo que foi trasladado ao sanatorio do Carmen. Os médicos revisárono, notárono débil e arredor das catro da mañá, viron que o paciente semellaba estar durmindo. Xa pechara os ollos para iste mundo sen queixa algunha. Os familiares din que foi unha morte doce. Desde primeira hora da mañá de onte o cadaleito foi posto no fogar número 8 do tanatorio das Burgas por onde foron pasando numerosas persoas da vida social e cultural de Ourense. A media tarde colocaronlle sobre a caixa a bandeira galega, como era desexo do defunto. Ás catro do serán de hoxe sairá a comitiva para chegar á Trinidade, onde se celebrará o funeral que lle vai presidir o bispo que pediu a Roma fai uns meses a distinción da Orde de San Silvestre coa cruz de prata para Ogando Vázquez, que recibiu nunha misa co gallo tamén do 60 aniversario do seu casamento coa súa inseparable Xuliana, o 17 de outubro pasado. Ata Villafranca irá tamén un saquiño con terra de Trasalba, para a súa sepultura en terras bercianas. A viúva quixo que seu home descanse onde ela vai ser soterrada cando lle chegue a hora. Ogando Vázquez morreu o 1 de abril, o mesmo mes no que anos atrás pasaron Otero Pedrayo e Ferro Couselo. No 1996 gañou o premio Otero Pedrayo a proposta das Diputación de Ourense, pola súa traxectoria académica, cultural e de investigación, publicista e de fondas raíces no galeguismo.