AIRES DO ARNOIA | O |
18 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.E MENOS mal que foron Antonio Catalán e o licenciado García os que puxeron os mimbios pra face-lo hotel de Santán, que se chegan a tocarnos o enxeñeiro Cabezas e mailo Martínez Serodio, tiñamos que agarda-las campás do ano no que Colón baixe o dedo. Sorte que tivemos. Aínda así houbo certos atrancos pola competencia entre algúns grupos financeiros pra facerse co investimento, polas modificacións do propio proxecto, que pasou de oitenta e tantas alcobas a trinta e oito e unha suite, quizais reservada prós reis e raíñas do castelo, que trocou de balneario a SPA, teima de chamar ó xeito anglófilo a mananciais e mesmo ós balnearios de augas minerais. Atrasos razoabeis coma son os da RENFE, que non os do AVE. E o resultado: un hotel de catro estrelas, que onte abríu as súas portas, con salas pra xuntanzas e un pequeno restaurante ó público. A esquerda un pavillón pra realización de congresos e restauración pra grandes celebracións. Cociña rexida por Flavio Morganti, o Galileo , deixando ás costas o área onde se localiza o SPA, a rematar a comezos do verán. Un fermoso conxunto arquitectónico preto do río, integrado na paisaxe e moi coqueto, sen pegadas do arquitecto da praza de San Martiño. ¡Qué ledicia! Un amplo establecemento hoteleiro que ten que converterse nun exemplo da hostelería, dirixido por Sonia Ramos, case alaricana, que elixíu pra atendelo a veciños da bisbarra, quizais algunha Lola Fondona, que foi curtidora na fábrica dos Nogueiras. Quizais algunha Fefa, Repoliño de Mondoñedo e cabareteira no Tai Tai, quizais algún dos xudeus das rúas Nova e Socastelo. Parabéns pró Concello, AC Hoteles e o pobo de Allariz, anque sinto que non lle diran o nome dalgún rei ou raíña do castelo ou dalgún dos persoeiros da vila coma dona Violante, o rei Sabio, don Vicente..., que don Arturo, que non, que tacha, que foi un erro, que eu xa firmo máis arriba.