A revista «Lethes» mostra no seu número sete as lendas orais e a xeografía do Couto Mixto
OURENSE
A revista Lethes , editada polo centro de Cultura Popular do Limia, chega este Nadal ao seu número sete con catorce propostas para dar a coñer a riqueza cultural da comarca de A Limia a propios e forasteiros. O novo número encétase coa reproducción do pregón lido en Xinzo polo catedrático Acuña Castroviejo no 1983 nas festas de Santa Mariña. As lendas de tradición oral propias do Couto Mixto fanse un oco nestas páxinas da man de Xosé Rodríguez Cruz e Pilar Sevillano. As relacións educativas entre a comarca e Portugal, país co que linda, dan para facer ou trazar camiños de encontro, como din Xosé Manuel Fernández Cid e Reyes Fernández González. Hai unha escolma de fotografías vellas así como un estudo sobre as poboacións promíscuas do Coto Mixto que fai José Ramón Hernández ou unha referencia ás tropas de Napoleón ao seu paso pola Limia, das que fala Edelmiro Martínez. Lethes é un escaparate cultural da terra á que sirve e deste xeito no número séptimo da colección aparece tamén a fermosa ponte de Faramontaos, en Xinzo, os xentilicios na toponimia limiá, un repaso á flora vascular da Baixa Limia e o sempre presente río do esquecemento, o Limia, sobre o que se detén o profesor Juan José Moralejo. Esta é parte do contido dun volume de 184 páxinas que será presentado pasado mañá, ás sete do serán, na Casa da Cultura da capital limiá coa presenza de Camilo Franco, Xosé Manuel González Reboredo e a colaboración musical de Luis Caruncho. Lethes é unha especie de plataforma para animar á investigación sobre os máis diversos aspectos culturais de A Limia.