Os concellos do Carballiño e Boborás e a Deputación anunciaban na celebración das Letras Galegas de 1985 a creación do premio co nome do intelectual da Xeración Nós
17 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Cando o Día das Letras Galegas non estaba sometido ao debate arredor de se convén mantelo como festivo ou que volte a ser laborable -daquela era e nas informacións salientábase a importante participación de colexios, asociacións e colectivos veciñais- Boborás e O Carballiño acollían a celebración do 17 de Maio e una sesión solemne da Real Academia Galega para honrar ao persoeiro a quen se lle adicaba a festa da cultura galega: Antón Losada Diéguez (Moldes, Boborás, 1.884 - Pontevedra, 1929).
Ata a capela románica de Moldes viaxaban os membros da Real Academia Galega, presidida daquela por Domingo García Sabell, para honrar a Losada Diéguez e facer a ofrenda floral ante a campa onde está soterrado o galeguista que xogou un papel determinante na posta en marcha da chamada Xeración Nós e que vencellou ao galeguismo a figuras que co tempo chegaron a ser verdadeiros referentes da cultura do país, entre outros o propio Ramón Otero Pedrayo.
De Ramón Piñeiro a Filgueira
En Boborás e O Carballiño participaban daquela nos actos do 17 de Maio académicos como García Sabell, Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Francisco Ogando, Xosé Filgueira Valverde, Xaquín Lorenzo, Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Andrés Torres Queiruga, Marino Dónega e Meixide Pardo e exercían de anfitrións os alcaldes Cándido Cabanelas (Boborás) e Argimiro Marnotes (O Carballiño). Nos actos que se celebraban en Boborás naquel Día das Letras Galegas de 1985 o deputado autonómico, e concelleiro no Carballiño, Aurelio Miras Portugal anunciaba no pazo de Moldes a decisión dos concellos do Carballiño e Boborás, cos que colaborarían outros concellos da comarca, e a Deputación de Ourense de crear un premio en memoria do galeguista homenaxeado, premio que levaría o seu nome e que tería unha dotación dun millón de pesetas, a repartir a partes iguais para os dous apartados do mesmo: creación literaria e investigación.
O premio que nacía naquel 1985 foise consolidando no tempo como un dos galardóns máis salientables do panorama cultural de Galicia por ser unha convocatoria sobre obras publicadas no ano ao que, na súa grande parte, non se presentan os propios autores. Na actualidade o Losada Diéguez está dotado con 12.000 euros, 6.000 euros para cada unha das obras premiadas nos apartados de creación literaria e investigación, e os galardóns do presente ano entregaranse o vindeiro día 13 de xuño no pazo de Moldes. Nesta ocasión o xurado premiou as obras Hordas de escritura, de Chus Pato, no apartado de creación literaria e Europa, continente pensado, de Camilo Nogueira, no apartado de investigación. Naquel 15 de Maio de 1985 tamén se anunciaba a creación dunha fundación para manter o legado do galeguista. O seu fillo Luis Losada, daquela director xeral da RTVG, informaba que a familia tiña «pensado facer unha fundación para que os estudiosos teñan sempre facilidades para traballar en tódolos papeis que temos na casa, sen trabas». Aínda que se traballaba coa previsión de facer realidade en poucos meses a fundación e xa se iniciaran as xestións coas institucións, o certo é que a Fundación Antón Losada Diéguez non se materializou ata o pasado ano, no que quedou oficialmente inscrita no Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia.
«Sócrates da galeguidade»
Unha praca na Casa da Cultura do Carballiño lembra a sesión celebrada alí pola Real Academia Galega en 1985, na que Fernández del Riego lembrou a Losada como o Sócrates da galeguidade «que fai dos discípulos mestres e que orienta a Risco, Pedrayo e Cuevillas, desorientados polas modas cambeantes, a se afacer á terra».