«Crearemos un selo para os nosos produtos artesáns»

OURENSE

A xestión dos residuos e o turismo son obxectivos prioritarios para os concellos da Reserva da Biosfera

27 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

En xullo do 2005 os concellos de Vilar de santos, Rairiz de Veiga, A Bola e Allariz convertíanse na primeira Reserva da Biosfera declarada pola Unesco na provincia de Ourense. Cinco anos despois o coordinador deste territorio que abrangue 220 quilómetros e 10.000 habitantes, está contento polo camiño andado, pero entende que quedan facetas por desenvolver. -¿Está satisfeito destes cinco anos? -Este é un proxecto ambicioso, e aínda que se fixeron moitas cousas sempre queda a impresión de que podería haber dado más de si. Hai que ter en conta que cando empezamos o tema estaba pouco desenvolvido a nivel do Estado. Ata o ano 2007 non houbo unha lei específica que permitise una liña para canalizar as axudas. -¿En qué se avanzou? -Dentro das liñas de traballo abertas destacaría as melloras no coidado do medio, con campañas de bolsas reciclables do comercio de Allariz ou a posta en marcha de recollida selectiva coa que ademais se fomentou a inserción laboral de persoas con discapacidade en convenios coa Fundación Once a a asociación Puzzle. Tamén a recuperación de oficios tradicionais como a cestería coa que se pretende darlle unha oportunidade económica máis aos habitantes do rural, ou plans de aforro enerxético con cambios de luminarias por as de baixo consumo nos catro concellos ou a aplicación de sistemas de luz ultravioleta para potabilizar auga das piscinas, que aforra cloro e auga; a implantación de sistemas de enerxías renovables en proxectos como o de San Salvador. Tamén programas de sinalización de rutas de sendeirismo que agora se dixitalizan... -¿Que queda pendente? -O desenvolvemento do turismo sostible é un dos aspectos a traballar. Os concellos de España que xestionamos Reserva da Biosfera presentamos un plan para crear un produto específico que nos permita elaborar paquetes e divulgalos conxuntamente, co que alguén que vaia a Doñana, ou a Lanzarote, terá tamén a man a información de Allariz. Queremos regular unha marca, un selo propio, non só para o turismo senón tamén para os produtos artesanais elaborados en zonas de reservas que lles daría un valor engadido. -¿E accións concretas? -Temos un programa ambicioso, con unha planta de biogás en Rairiz que permitiría solventar un problema moi importante en toda a zona de A Limia, como é o dos puríns dos porcos; a creación de unha granxa escola na Bola, e a restauración na aldea de Sá de recursos termais; ou seguir co proxecto de San Salvador en Allariz. Tamén queremos solventar un dos maiores problemas da reserva, que é o reciclaxe de residuos para o que plantexamos a creación dun punto limpo.