«Queremos que a próxima lista a encabece alguén que sexa de aquí, e así llo plantexamos ao partido»

Fina Ulloa
Fina Ulloa OURENSE/LA VOZ.

OURENSE

08 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Yolanda Cid Conde ten 26 anos, é mestra de profesión -aínda que sen praza fixa- veciña do pobo de Currás, e leva dous anos de militancia no PSOE de San Cibrao. Dende a pasada semana é tamén a nova máxima responsable da executiva local socialista neste municipio, substituíndo a Eladio Fernández tralo seu fichaxe polo PP.

-¿Como afronta esta responsabilidade?

-Teño moita ilusión e moitas ganas de traballar, aínda que teño que recoñecer que non pensei que fora a ser eu, porque a verdade é que hai xente máis veterana ca mín. Cando fixemos a reunión para reformar a executiva despois do ocorrido con Eladio, quedamos en que cada un traería as súas propostas para o repartirnos as áreas e o traballo que debía asumir cada un. E resultou que a maioría pensaba que tiña que ser eu a secretaria, pero eu por exemplo había posto a compañeira que ao final quedou de responsable de Organización, Bibiana Iglesias, porque é ten máis experiencia e coñece a máis xente.

-¿Está disposta a asumir tamén a cabeza de lista nas próximas eleccións?

-A verdade non me importaría, sempre que os meus compañeiros e o partido pensen que podo facer esa labor, pero tampouco me importaría ir noutro posto da lista. O que teño claro, igual que os meus compañeiros de San Cibrao, é que queremos que a próxima lista estea encabezada por alguén que sexa de aquí, e así llo plantexamos ao partido nunha reunión que tivemos. Tamén lles pedimos consello para si eles ven que nos equivocamos no lo digan porque eles teñen máis experiencia nestas cousas. Pero queremos xente que coñezamos, que estea integrada na vida e no día a día do pobo e, en principio, no queremos que nos manden a ninguén solo polo feito de estar no partido. En definitiva, queremos seguir o mesmo proceso que fixemos agora coa elección da executiva local.

-¿Había problemas por ter un responsable que non era do pobo?

-Non é que ninguén nos pechase as portas cando íamos con el, pero era ese comentario lóxico de que esa persoa non é de aquí, non vive aquí, ao mellor non sinte tanto as cousas... Non vou a dicir agora, porque pasou o que pasou, que Eladio non fixese labor e traballo de visitar e falar coa xente. Eu teño que dicir que no tempo que traballamos con el a verdade é que xenial. Por eso o golpe máis duro para nós non foi o político senón o persoal.

-¿Pensa que o abandono de Eladio Fernández prexudicará os resultados do partido?

-Eu penso que non, creo que lle prexudicará máis ao PP por incorporar a alguén así. Para nós incluso me atrevo a dicir que é un alivio, porque si tiña que pasar algo así, mellor que pasase agora e non máis cerca das eleccións.