Hai dúas películas que hoxe destacan en particular na oferta das Xociviga, ambas con premios pero distintas e dirixidas a dous tipos de públicos diferentes. Os cinéfilos teñen na sección Miradas de autor unha cita inescusable con Ciudad de vida y muerte, do chinés Lu Chuan, Concha de Oro no pasado festival de San Sebastián. Un filme (inédito en Ourense) centrado na lamentable masacre perpetrada polo exército xaponés a partires de 1937 contra a poboación civil chinesa de Nanking, con miles de mortos torturados e masacrados durante as semanas que durou a ocupación. Cunha extraordinaria fotografía e un impecable deseño de produción.
Pola súa banda, a sección Gran Cine destinada a tódolos públicos, ofrece The blind side (Un sueño posible), filme que deu a Sandra Bullock o Oscar á mellor actriz na pasada edición, ademais do Globo de Ouro e outros premios. Unha trama tomada de feitos reais e centrado nunha popular figura do fútbol americano, acollido de mozo por unha familia branca de case alta que lle vai facilitar educación e a posibilidade de chegar a ser unha estrela. Película moralizante que consigue petar no corazón da xente por ir sobrada de bos sentimentos.