Ouff escola

OURENSE

13 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O festival de cine de Ourense puxo en marcha o pasado ano un certame, o Ouff escola, para achegar o mundo audiovisual aos estudantes galegos e fomentar entre eles o uso do galego. ¿A maneira? Premiar a mellor curta. Nesta segunda edición o gañador foi un instituto de Ponferrada. Si, esa quinta provincia galega (en corazón) que fai máis pola nosa lingua do que moitos dos que nos gobernan. Porque moitos dos seus veciños, dos nosos veciños, senten a nosa lingua como propia.

Ten que enchernos de fachenda que centos de estudantes bercianos (si, si, centos, cada ano) queiran aprender a nosa lingua. Pero, ao mesmo tempo, ten que facernos bater cos cornos contra a parede ao reflexionar sobre o concurso. ¡Gañan un concurso en galego uns escolares do Bierzo! E mentres dende Galicia Bilingüe seguen coa teima de que en Galicia se persegue aos que falan castelán. Ás veces penso que Gloria Lago (a presidenta do colectivo) non camiña este mundo, que vive nunha burbulla na que só se fala galego. ¡Que sorte! Xa me gustaría a min. Xente coma ela busca que os Séculos Escuros non sexan unha parte da nosa historia, se non que formen parte do noso presente, porque o vemos como un futuro cada vez máis próximo.

¿Como pode dicir que o castelán está ameazado en Galicia? Daquela en León deben estar atemorizados. Dentro de pouco terán que poñer tradutores para entender a eses ousados que non só queren estudar galego, senón que ata se atreven a facer unha película en galego. E a todo isto, ¿o resultado non fixo reflexionar á Xunta, a mesma que aprobou o decreto do galego? ¿Non pensan na Consellería de Educación que se o fomento do galego cala máis en León ca en Galicia algo está mal feito? Porque o concurso non está feito para atraer turistas (daquela a leria sería outra). Noraboa aos gañadores, e grazas por querer unha lingua que moitos aquí enterrarían se puideran.