«A indignación está ben, pero tras o lamento hai que implicarse na solución», di
21 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Alcalde de Santiago durante 15 anos, Xerardo Estévez matou o político que levaba no interior para que revivira o arquitecto. Con todo, non fuxe do debate.
-¿Que queda hoxe en día de aquel Estévez político?
-Queda, quizais, unha cidade global para a cal recuperamos o prestixio. Queda a actualización do proxecto do Camiño de Santiago, no que ao principio traballamos bastante en solitario. Quedan as pedras, o recoñecemento mundial, a arte, as vivencias... E pouco máis, porque a política como oficio non me interesou. De feito, aquela etapa paseina toda dimitindo de parlamentario, de deputado, de alcalde... tras tempos que estimei prudenciais.
-¿De verdade que nunca nestes anos sentiu a necesidade de regresar á primeira liña?
-Xamais. E tiven ofertas importantes para ser cousas máis alá de alcalde.
-¿Que ocorreu en Galicia para que, despois dunha era tan longa como a de Fraga, a Touriño só lle durara catro anos o poder?
-Emilio foi un bo presidente e o bipartito tiña unha boa cascada de iniciativas para Galicia, pero, entre eles, miráronse moito polo cabo do ollo. Aos socios sobroulles vixilancia mutua e faltoulles pragmatismo, un factor fundamental. Todo o tempo que dedicaron a controlar o movemento do que tiñan ao lado foi tempo que perderon para executar as súas ideas, que eran moitas e boas.
-¿E hai Feijoo para rato?
-A política móvese por ciclos e o actual é bastante favorable para o Partido Popular.
-Do 81 ao 83 fora deputado en Galicia. ¿Que queda no actual de aquel Parlamento?
-Naquel Parlamento había deputados moi interesantes, excepcionais.
-¿E no de hoxe?
-Non o sigo, de verdade. Antes si o facía. Seguía a Anxo Guerreiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Barreiro... Había xente de nivel alto.
-¿E o panorama político español? ¿Como o ve?
-Daquela, nos oitenta, a política invitaba máis a pensar. En Europa tiñamos a Helmut Kohl, Felipe González, François Mitterrand... Asistiamos a un banquete de solemnidades: Europa, Constitución, democracia, autonomías... E hoxe a política é un tanto espástica, funciona por sístoles e diástoles. Xa sabes o que van preguntar e o que van responder.
-¿De aí o descrédito da clase política que amosan as enquisas do CIS unha tras outra?
-Ollo, que os políticos son tamén o reflexo da cidadanía. Non son a peor parte da sociedade, creo. Hai que mirar tamén un pouco cara dentro. Penso que o 15-M non berra só contra os políticos, senón tamén contra nós mesmos.
-No 2002, trala traxedia do «Prestige», escribira un artigo en La Voz que titulaba: «Indignados si, pero implicados»...
-Aí dicía o que digo agora: a indignación está ben, pero despois do lamento hai que implicarse na solución, sendo propositivos, poñéndonos de acordo.
-¿E quen goberna o mundo hoxe en día: a política ou o mercado?
-Ambos han de conformar un matrimonio. Mercado sen política pode chegar a ser algo salvaxe, e política sen mercado, un soño, un ideal. Ese conflito hai que resolvelo con moito debate, negociación, pragmatismo, sentando á mesa con café... Pero coa política sempre levando a iniciativa un palmo por diante do mercado.
-¿Que vai pasar o 20-N?
-Que haberá eleccións.
-Xa. ¿E que máis?
-Que ninguén vai arrollar nesas eleccións. Aínda que os ventos son favorables para o PP, Rubalcaba é un candidato con capacidade dialéctica, deses que fan pensar. Pertence a esa xeración de políticos polos que deixas o zapeo e paras a escoitalo.
-Non ten o Partido Socialista galego un Rubalcaba...
-[Prolongado silencio] É que este mundo de hoxe é complexo, interesantísimo, pero moi difícil de xestionar, máis que o de hai 25 anos, que eran dous bloques e listo...
-¿Ten líder si ou non?
-É unha pregunta difícil porque descoñezo a situación interna do PSOE galego. Cando deixei a política, deixeina de todo. Pero, si, hai un, Pachi Vázquez, que é o líder que elixiron e, bueno, que aí está, cumpre un papel.