![](https://img.lavdg.com/sc/ZPEY4VRgPbhCs9_28ogf29t4oZQ=/480x/2012/10/17/00121350500963771504705/Foto/.jpg)
«O obxectivo é que a medio prazo CxG sexa a formación política hexemónica tanto social como electoralmente»
18 oct 2012 . Actualizado a las 07:15 h.«Onde nós imos pasar a revalida definitiva é nas eleccións municipais». Son verbas de Xosé Manuel Pérez Bouza (Caracas, 1970), que insiste en que o proxecto de Compromiso por Galicia ten só tres meses de vida e que, polo tanto, o importante non e soamente o 21-O senón que «a medio prazo, nun horizonte de oito anos, CxG sexa a formación política hexemónica tanto social como electoralmente en Galicia».
-Pois dise que en Galicia non hai espazo electoral para o nacionalismo non dogmático.
-Nós somos dos que pensamos que a sociedade galega é moi similar ao resto das sociedades do noso entorno. Se miramos cara Cataluña e cara Euskadi, pero tamén cara Canarias, forzas deste tipo, como nós prantexamos CxG, son as hexemónicas. Aquí en Galicia claramente PP, PSOE e BNG teñen un apoio sobredimensionado.
-Xa empeza a deslizarse a mensaxe de que os votos a CxG so conseguirán evitar que a coalición de Beiras obteña representación por Ourense. ¿Está de acordo?
-A min faime moita graza que todo o mundo faga un chamamento ao voto útil. Eu vou facer un chamamento á intelixencia dos cidadáns de Ourense e dos cidadáns galegos e que a utilidade do voto lla dean eles apoiando a quen consideren que mellor pode defender os intereses do seu territorio.
-De todas maneiras, CxG ten dificultades para colocar a súa mensaxe. ¿Bota de menos un líder carismático como Beiras?
-Nós estamos tendo as dificultades lóxicas dunha forza que ten tres meses de recorrido, sobre todo cando non queremos profesionais do espectáculo como líderes. Como o noso en un proxecto a longo prazo, nós temos persoas traballadoras, coherentes, que fan propostas en positivo, que non se dedican a descualificación permanente ou a lanzar titulares que son auténticas barbaridades.
-Entón, case mellor terse quedado fora desa coalición.
-Sen ningunha dúbida. Vendo por onde vai a campaña desa coalición electoral, coas mensaxes que están lanzando e con esas descualificacións que son auténticas barbaridades, que se as lanzaran outros estaríanlle pedindo a dimisión, cada día estou máis satisfeito de ternos presentado en solitario.
-As dificultades estanse a intentar suplir con imaxinación, ¿non si?
-Estamos facendo da necesidade virtude. Temos moi poucos recursos económicos, pero moitas ideas. Imos gastar 110.000 euros na campaña fronte a máis dun millón que van gastar PP, PSOE e BNG.
-Por todo o que di, ¿enténdese que poderían pactar co PP?
-CxG ten un proxecto político que neste momento está claramente destinado a combater as políticas do PP. Aquel que queira contar co apoio de CxG ten que ter un proxecto pítico que se comprometa coa defensa do autogoberno, coa defensa dos tres piares do Estado de benestar (sanidade, educación e servizos sociais) e ademais se comprometa coa presenza da ética na actividade política e a rexeneración democrática. Coa política que ven practicando o PP nos últimos anos, é difícil que pegue un cambio agora.
-Vostede di que Feijoo foi o peor presidente da historia para Ourense. ¿Por que?
-Non hai nin un só proxecto novo que se puxera en marcha e aqueles que xa estaban encamiñados da lexislatura anterior non foron capaces de concluílos. Ademais outras medidas como o copago dos medicamentos, a suba do IBI aplaudida por Feijoo ou a supresión da extra para os traballadores públicos teñen unha incidencia especial na provincia de Ourense dada a súa estrutura social e demográfica.
xosé manuel pérez bouza candidato de compromiso por Galicia
«Cada día estou máis satisfeito de ternos presentado en solitario nestas eleccións»