«Pasamos por moitas etapas e soubemos afrontar os problemas»

c. andaluz ourense / la voz< / span>

OURENSE

21 oct 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A oficina de Ribadavia é unha das poucas na provincia que ofrece información de forma permanente, durante todo o ano. Naceu no ano 1993 e actualmente é un referente na comarca. O seu responsable é Antonio Míguez.

-Case dez anos de historia.

-A oficina de Ribadavia comezou a funcionar no ano 1993 de forma permanente. Dende entón pasamos por moitas etapas e estados, soubemos afrontar os problemas e tivemos capacidade para adaptarnos a cada etapa.

-¿Cal é a función principal?

-O principal servizo que se oferta é o de información turística, pero dende esta oficina xestionamos outro tipo de actividades como as visitas ao Castelo, as rutas do viño ou un gran número de actividades relacionadas coa Rede de Xuderías. Tamén en ocasións determinadas, como a Feira do Viño ou outras actividades, colaboramos na organización. Cada mes facemos un boletín no que actualizamos a información que pode necesitar o visitante para ofrecérllela ao día.

-En horarios é un referente.

-A oficina de turismo é, sen dúbida, unha referencia en Galicia polo servizo ofrecido e polo horario que ten, sendo unha das oficinas que máis días e horas abre durante o ano. Só pecha os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, ademais do domingo seguinte á Festa da Istoria. O horario que se estipula para o inverno e a primavera está fixado tendo en conta o persoal laboral dispoñible e o contratado, as datas de maior afluencia, e a máxima rendabilización do servizo. En datas puntuais como son a Semana Santa, Feira do Viño e pontes importantes, a oficina de turismo incrementa o horario.

-¿Con canto persoal conta?

- Actualmente conta con dúas persoas. Un traballador especializado, persoal laboral fixo, que fai as veces de encargado e responsable técnico da oficina, e unha traballadora procedente dun programa de reinserción da Xunta contratada de decembro de 2011 a decembro de 2012, que serve de apoio ao labor de información da oficina.